CIG-Saúde demanda do Sergas a maior transparencia na xestión do proceso do coronavirus
A CIG-Saúde vén de demandar do SERGAS a maior transparencia posíbel na xestión do proceso de coronavirus. Demanda, para iso, información e formación para todo o persoal do sistema sanitario galego e a dotación de EPIs (equipos de protección individual) que sexa necesaria.
A CIG-Saúde salienta que o persoal do SERGAS está actuando, tal e como se caracterizou sempre, coa maior profesionalidade, cumprindo as indicacións das/os expertas/os para manterse en situación de activo e poder dar a asistencia que se requira.
Indica que, como o resto de persoas, xa hai traballadoras/es en illamento preventivo, polo tanto en situación de incapacidade laboral. Por iso exixe que esta incapacidade laboral “teña a consideración de continxencia profesional a todos os efectos, desde o inicio do período de observación”.
Do mesmo xeito demanda que naquelas/es traballadoras/es que resulten afectados, a situación de incapacidade “teña a consideración de enfermidade profesional”.
Retribucións íntegras
Ademais demanda tamén do SERGAS que todo o persoal afectado perciba integras as súas retribucións. “Estamos a falar das retribucións correspondentes á atención continuada: noites, domingos días feriados e gardas, que só se perciben se hai unha prestación efectiva das mesmas”, matiza a secretaria nacional, María Xosé Abuín.
A CIG-Saúde exixe que o persoal contratado que estea en illamento, e que cese no contrato, manteña a consideración de situación en activo, a todos os seus efectos: cómputo de servizos prestados.
Agarda que o SERGAS e a Consellaría de Sanidade, recoñezan o esforzo das/os profesionais, faciliten o seu traballo e, polo tanto, non penalicen as situacións de incapacidade laboral.