CIG-Saúde demanda ao SERGAS avances no novo modelo de atención primaria
CIG-Saúde vén de se dirixir ao Xerente do SERGAS, José Flores Arias, para solicitar un cambio na Orde do Día da xuntanza do Consello Técnico de Primaria prevista para mañá. Unha reunión na que non se contempla avanzar nun novo modelo de atención primaria, nin sequera tomar en consideración e aprobar as conclusións dos grupos de traballo de pendentes.
“Dá a impresión de que o SERGAS segue instalado na demora dunha solución á situación da Atención Primaria” denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, que lembra a insistente demanda da central sindical de que o Consello Técnico sexa máis operativo e cumpra “a función para o que foi constituído, máxime na situación actual”.
Sinala que, de forma reiterada, a CIG-Saúde ten demandado que se poñan en funcionamento as carteiras de servizo xa aprobadas, xunto cun plan de ordenación de Recursos Humanos para a dotación de persoal necesario para que sexan funcionais.
Por iso reclama a aprobación final de todas as conclusións dos grupos de traballo que están pendentes. É dicir, “rematar dunha vez por todas co traballo normativo, importantísimo neste proceso dunha nova configuración da atención primaria, para trasladalo á actividade ordinaria dos centros de saúde”.
Neste sentido solicita a modificación da Orde do Día da reunión do Consello Técnico para que os asuntos a abordar sexan precisamente a aprobación das conclusións dos grupos de traballo pendentes; Axendas de calidade de todos os colectivos. Data de negociación na mesa sectorial do plano de ordenación de RRHH para adaptar os recursos humanos á nova realidade asistencia; Incorporación doutras categorías profesionais e a Constitución da comisión para a elaboración do novo modelo de atención primaria.