CIG-Saúde demanda actuacións inmediatas para evitar que se repitan as inundacións no HULA
CIG-Saúde de Lugo denuncia a situación vivida este mércores no Hospital Universitario Lucus Augusti onde se rexistraron inundacións en diversas zonas do edificio, tales como a planta cuarta de hospitalización ou determinadas áreas do andar baixo.
Debido a este asolagamento, as traballadoras e traballadores víronse na obriga de actuar con urxencia para achicar a auga e salvar o material; así como tamén foi necesario o traslado dalgunhas persoas doentes xa que os seus cuartos se viron afectados pola auga.
A CIG-Saúde advirte que esta situación non é nova, e aínda que a seca dos últimos meses serviu para tapar a problemática, as choivas destes días evidenciaron que todo segue igual e quen ten que buscar unha solución segue sen aceptar a súa responsabilidade" nin actuar.
Diante disto, a CIG-Saúde exixe que se tomen as medidas oportunas de inmediato para evitar que se repitan inundacións como as ocorridas este mércores.