CIG-Saúde demanda a convocatoria da Comisión de Seguimento de persoal residente na área sanitaria de Santiago-Barbanza
A CIG-Saúde da Área sanitaria de Santiago-Barbanza vén de remitir un escrito á Directora de Recursos Humanos en demanda da convocatoria da Comisión de Seguimento do Persoal Residente. Exixe que se lle garanta a este persoal o cumprimento da xornada, tempo de traballo descanso.
A CIG-Saúde de Compostela denuncia que, mentres noutras áreas sanitarias esta comisión foi constituída o 13 de abril de 2021, coa fin de realizar o seguimento do Acordo subscrito o 23 de febreiro de 2007 pola administración sanitaria e as organizacións sindicais, a día de hoxe non ten constancia de cando se vai convocar na Área sanitaria de Santiago e Barbanza que, lembran, foi pedida “por activa e por pasiva”. “Desde a CIG-Saúde estamos cansos de que a Xerencia non teña intención de que funcione, non sabemos se pola súa desidia, incompetencia ou pola irresponsabilidade na xestión por resolver as posibles incidencias das e dos residentes en formación na área sanitaria”, afirman.
Por iso denuncian que non se está a garantir o cumprimento dos requisitos e condicións legalmente establecidas nin os dereitos e obrigas que, segundo a lexislación vixente, ten o persoal residente.
Aseguran que no ámbito da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza só se celebrou a xuntanza de constitución desta Comisión, o pasado 23 de maio de 2022, mais unicamente para designar os seus membros, “non para tratar ningún tema en concreto”, tal e como reflicte a Orde do Día asinada pola Directora de Recursos Humanos
A CIG-Saúde non entende esta “indesexable situación” que entende que afecta “seriamente” á credibilidade da Xerencia “polo incumprimento do acordo de Residentes en formación desta área sanitaria”.
Un acordo que entre outras cuestións contempla que a xornada anual do persoal residente será de 1.624 horas e, con carácter xeral, non realizarán máis de cinco gardas ao mes. Número que poderá ampliarse até sete por necesidades formativas.
Ademais recolle que o persoal residente terá dereito a un período mínimo de descanso ininterrompido de 12 horas entre xornadas, mais cando as necesidades formativo-asistenciais derivadas da atención permanente nos centros impidan o goce do referido período de descanso, aplicarase o réxime de compensación por descansos alternativos establecidos no estatuto marco.
Xunto a isto explicita que o horario da actividade de residente, tanto en xornada ordinaria como complementaria, adaptarse ás características organizativas establecido na unidade en presten servizo de acordo co programa formativo.
Por iso conclúen a necesidade de que se convoque dunha vez para abordar o cumprimento destas cuestións e garantir as condicións do persoal residente.