CIG-Saúde defende o mantemento da dedicación exclusiva das médicas/os que traballan só na sanidade pública
A CIG-Saúde defende activamente que a dedicación exclusiva das médicas e médicos que traballan no sistema sanitario público, debe manterse e potenciarse, nomeadamente cando se trata de profesionais que desempeñan postos de xefatura de servizo.
Na actualidade, as médicas e médicos que traballan en réxime de exclusiva no SERGAS, a cambio do seu compromiso de non traballar no seu tempo libre noutra empresa, reciben unha compensación económica: o denominado Complemento Específico (CE) que ronda os 900 € brutos mensuais.
A este respecto, o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G. Moreira sinala que “para as persoas e organizacións que defendemos o mantemento da dedicación exclusiva, está plenamente xustificado que ás médicas e médicos que se comprometen a traballar en exclusividade para o sistema público se lles retribúa dun xeito especial ese compromiso de non traballar tamén para outra empresa, pois estamos convencidas de que ese compromiso contribúe positivamente á calidade do sistema público”.
Polo demais, apunta que tampouco é estraño que nas empresas privadas se poñan en practica medidas como as que recolle o artigo 21 do Estatuto dos Traballadores, que fala do “pacto de non concorrencia”, que impide que unha persoa traballe para outras empresas, en base ao principio de evitar a competencia desleal, e que ten todo o amparo constitucional xa que non se considera discriminatoria a diferenza salarial asociada a esa condición contractual.
A CIG-Saúde subliña que a dedicación exclusiva das profesionais da sanidade pública, que debe retribuírse adecuadamente, facilita que as médicas e médicos do sistema sanitario público dispoñan de máis tempo para a súa actualización profesional e, sobre todo, indica Moreira, “permite evitar o potencial conflito de intereses que se orixina cando unha médica ou médico da sanidade pública traballe tamén na sanidade privada, este conflito de intereses é especialmente evidente cando falamos de postos de xefaturas”.
Conscientes desta realidade, e “porque defendemos a sanidade pública, desde CIG-Saúde continuamos a defender a dedicación exclusiva das médicas e médicos que traballan na sanidade pública”, conclúe o secretario nacional de CIG-Saúde.