CIG-Saúde de Lugo reclámalle á Xerencia que o rescate da Fisioterapia sexa definitivo e se potencie o servizo de Rehabilitación
A CIG-Saúde mantivo unha reunión este martes coa Xerencia da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte para tratar a situación do servizo de Rehabilitación, tras o rescate sobrevido polo abandono do concerto por parte da clínica JR Meilán. Para a CIG-Saúde esta circunstancia é unha oportunidade única para reverter este servizo para a Sanidade Pública, xa que tanto no HULA como en Atención Primaria "contamos cunhas instalacións óptimas e con capacidade para asumir a carga de traballo sempre que se dote de persoal".
Aproveitando este punto de inflexión, explica a secretaria comarcal da CIG-Sáude de Lugo, Carme Aira, formuláronselle ao xerente da EOXI cuestións globais relativas á Fisioterapia, Terapia Ocupacional e Atención Temperá de cara a lograr a consolidación dos postos de traballo e a ampliación destes servizos.
A respecto da situación de Fisioterapia, a CIG-Saúde trasladou as seguintes cuestións:
- Necesidade de consolidación dos postos de traballo creados a raíz de ter que establecer o plan de choque. Por parte da Xerencia trasladaron un compromiso claro de consolidar estes empregos. Así mesmo, informaron que tamén valoran a creación dun novo posto pola mañá nas instalacións de García Portela. Todo isto suporía un incremento de 7 fisioterapeutas que se manterían para poder atender a demanda.
-No relativo á situación que se está a dar tanto en Vilalba como en Sarria, lugares nos que hai máis de medio millar de usuarios/as con patoloxías semiagudas ou crónicas que quedaron sen atención e para os que se valorou a dotación dun posto de fisioterapeuta en cada un dos Centros de Saúde, a reposta da Administración foi que se valoraría medicamente a pertinencia do tratamento e logo se tomarían as medidas necesarias.
-Dende a Xerencia tamén se explicou que teñen en proxecto revisar os circuítos para darlle coherencia á rehabilitación na Atención Primaria.
-Por parte da CIG-Saúde expuxéronse as dificultades que lle causan aos/ás doentes con dano cerebral acudir a facer rehabilitación ao HULA e ao tratamento de Logopedia a POLUSA, centro privado que ten o concerto. Segundo explicaron dende a EOXI, só se envían a POLUSA doentes que teñen tratamentos discontinuos e que tentarán desenvolver a Logopedia dentro do HULA, algo que previsibelmente irá ao longo prazo.
Respecto a Terapia Ocupacional
-A representación de CIG-Saúde explicou que as traballadoras fixeran un escrito "moi coherente e ben fundamentado" a respecto da necesidade de ampliación da unidade, xa que a Terapia Ocupacional marca a diferenza na calidade de vida dos/as doentes dado que gañan autonomía. No HULA danse moi boas cifras de atención pero hai suficiente lista de espera para xustificar o incremento de persoal e a apertura pola tarde. Dende a Xerencia indicaron que valorarían a cuestión falando coas responsábeis da Unidade, mais a CIG entende que tamén hai que abordar a cuestión co persoal.
En canto á Atención Temperá
- Esta Unidade no HULA é mixta, corre a cargo de persoal de Servizos Sociais da Xunta e tamén conta con profesionais do SERGAS.
-A falta de persoal fai que as instalacións tamén permanezan pechadas polas tardes o cal xera unha gran lista de espera e a sensación nas familias de abandono.
-Os responsábeis da EOXI aseguraron que a Psicóloga especialista en psicomotricidade está cuberta, cando o que acontece é que non é especialista na materia.
Por iso, dende CIG-Saúde insistiuse en que non ten sentido que o Servizo non se preste dende o SERGAS, e que as instalación permanezan pechadas unha parte do tempo.
"A disposición foi boa, pero a consolidación dos postos creados como acúmulos de tarefas require un traballo e unha vontade activa e mantida no tempo, non se pode fíar nin ao Consello de Primaria nin a que veña a dotación orzamentaria do ceo", valora a Carme Aira, engadindo que a central estará pendente de que esta planificación se consolide.
"Concurso preventivo"
A Federación de Saúde interesouse tamén polo concurso aberto para a prestación de varios servizos sanitarios (o antigo concerto coa privada) e que significa "Rehabilitación Ambulatoria" (recollido no punto nº 6 do concurso), tendo en conta que durante toda a xuntanza se falou de rescate e consolidación. A reposta da xerencia foi que este e outros puntos do prego non se ían levar a cabo, simplemente figuraban porque no caso de ser necesario contratalos non se podería se non se recollían no concurso. "Isto fixo que automaticamente dende a CIG os nomearamos como “concurso preventivo”.