CIG-Saúde de Lugo denuncia a “parálise” do HULA durante dous meses no verán polo peche de plantas
A CIG-Saúde de Lugo vén de denunciar o peche de camas e plantas; o desprazamento do persoal para cubrir ao que está de vacacións e a situación de parálise que isto provoca durante dous meses de verán no HULA. Uns peches que a dirección xustifica en base a “estatísticas varias que levan ao invariable argumento de que o peche se basea nunha mellor xestión” e que encobren, en realidade, a verdadeira motivación: “recorte de gastos, sobre todo, os gastos en persoal”.
A CIG-Saúde de Lugo explica que así o persoal “excedente” polos peches é desprazado para cubrir as vacacións do resto, no caso do persoal non facultativo, sen buscar “ningunha solución para a súa cobertura”.
Esta política de peches e recorte de servizos provoca que no HULA haxa unha “paralización oficial das áreas cirúrxicas” e a “paralización tácita das áreas médicas”. O resultado é o estancamento das listas de espera e a dificultade crónica para ingresar aínda despois de acudir varias veces a Urxencias.
O recorte de recursos humanos provoca para a CIG-Saúde de Lugo un prexuízo social evidente pero tamén a precarización do emprego, mesmo do persoal fixo. “As persoas desprazadas das súas unidades van desenvolver un traballo ben diferente do seu habitual con repercusión nas súas carteleiras de traballo”, asegura. E engade que as que quedan nas unidades abertas “teñen que dar asistencia a unha mestura de patoloxías con necesidades e coidados moi dispares, coas dificultades que iso conleva, tanto no exercicio do traballo como en canto á seguridade xurídica coa que se realiza o mesmo”.
Peche de Medicina Interna
O día 1 de Xullo foi imposible pechar, segundo a CIG-Saúde, a planta de Medicina Interna, que quedou con 11 doentes, “a pesares de que se presionou desde a dirección para adiantar probas e para dar altas que permitiran este peche, o cal non parece o mellor para os doentes”.
Denuncia que pechar plantas “á brava” non é unha mellor xestión e que unha vez máis é o persoal quen sofre as consecuencias en primeira instancia. “Na maior das improvisacións as ordes foron as de trasladar os doentes de Interna para Paliativos, ao cacho de pasar os pacientes de Paliativos a Interna. Algunha das persoas que tiñan asignadas a outras planta xa non foron. A idea era lograr pechala este luns e se isto non puidera acontecer o mareo do persoal seguiría.... en todo caso a incertidume dende hai tempo é a que preside o HULA”, explica.