CIG-Saúde de Compostela solicita o amparo do Valedora e demanda información sobre a nova unidade de ictus do Clínico
CIG-Saúde de Compostela presentou un escrito diante da Valedora do Pobo solicitando o seu amparo, ante a denegación de información da Xerencia de Xestión respecto do persoal co que conta a unidade de Ictus e da relación do cadro de persoal da mesma. Unha solicitude que presentou xa en 2015 con motivo do Día Mundial do Ictus, que se conmemora cada ano o 29 de Outubro.
A CIG-Saúde de Compostela denuncia que, transcorrido un ano tras do rexistro desa solicitude, aínda non recibiron resposta, malia ter saído en prensa unha información na que a Xerencia anuncia a creación dunha nova unidade.
Sinala que noutras unidades de Xestión coñécese o cadro de persoal, pero non en Compostela,, malia ser a unidade de referencia. Por iso denuncia que a Xerencia incumpre coa súa obriga d facilitar información ás/aos delegados de persoal e demanda desta Xerencia “seriedade e responsabilidade, a fin de que as/os doentes de ictus e as súas familias poidan contar cunhas condicións mínimas de confort, o que supón un respecto os seus dereitos”.
Amparo á Valedora
No súa solicitude de amparo á Valedora solicitan que se inste á Xerencia de Xestión Integrada de Santiago a cumprir coa Lei Orgánica de Liberdade Sindical e a lexislación vixente sobre as funcións e lexitimación das/os delegadas/os de persoal e dos órganos de representación das/os traballadoras/es, nomeadamente no que respecta a “ter acceso á información e á documentación necesaria para o noso labor sindical”.
Lembra que a raíz dunha información publicada en outubro de 2015 sobre o Día Mundial do Ictus solicitaron unha relación de cadro de persoal da Unidade na Xerencia de Xestión Integrada de Santiago que non lles foi entregada e que, porén, a principios do mes de outubro deste ano publícase novamente en prensa que o hospital Clínico disporá dunha nova unidade de ictus. “Cando preguntamos se era verdade a noticia de prensa da nova unidade de Ictus e con que persoal ía contar, a resposta foi iso dio a prensa, é problema voso facerlle caso, sen máis aclaracións sobre o particular”.