CIG-Saúde de Compostela pide amparo á Valedora do Pobo pola grave situación da UCI do Clínico
A CIG-Saúde vén de remitir un escrito á Valedora do Pobo solicitando o seu amparo para que se dirixa á Xerencia de Xestión Integrada de Santiago instándoa a que cumpra coa Lei de Liberdade Sindical e facilite o acceso á información e documentación necesaria para que as delegadas e delegados poidan desenvolver a actividade. Considera irregular o nomeamento do Xefe de Servizo da UCI de Adultos do Clínico, ao que responsabiliza, xunto coa Xerencia, “da máis que evidente falla de condicións de traballo dignas” para o persoal desta unidade.
A CIG-Saúde xa fixo chegar esta mesma denuncia e demanda de información á Dirección de Recursos Humanos do SERGAS e á Subdirección Xeral de Relacións Laborais, Réxime Xurídico e Recursos e Reclamacións da consellaría.
Segundo explica Xosé Manuel Marcote, secretario comarcal da CIG-Saúde de Compostela, o nomeamento de Xefe de Servizo da unidade de Coidados Intensivos do hospital Clínico de Santiago de Cristobal Galbán “non se axusta a Dereito” porque a súa praza “está temporalmente cuberta polo sistema de Comisión de Servizo ou de Adscrición provisional” pero “non concorren as causas nin a duración prevista”.
Lembra que desde a CIG-Saúde xa se presentou unha queixa en 2018 neste sentido porque tiñan constancia de que determinados nomeamentos, entre eles este, “levaban anos desenvolvendo as súas funcións sen que previamente eses postos fosen obxecto de concurso público para poder optar o resto de profesionais atendendo aos criterios de capacidade, mérito e igualdade que deben rexer nunha administración pública como é a xerencia de xestión da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza”.
Marcote subliña ademais que con este nomeamento tamén se incumpre a Orde do 24 de maio de 2006 pola que se establecen as bases de procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das distintas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
Folga indefinida en demanda de condicións laborais dignas
A CIG-Saúde responsabiliza a este xefe de servizo da falta e condicións de traballo dignas para a UCI-A, unidade de referencia para os enfermos COVID-19. Unha situación que levou ao persoal a convocar unha folga indefinida que se vén repetindo todos os luns desde hai un mes con concentracións ás portas do centro hospitalario.
Concentracións como a desta semana na que representaron o papel de monicreques, que é como entenden que están sendo tratados pola Xerencia.
Malia a denuncia pública da súa situación, o tempo que levan en folga e as concentracións semanais até o de agora a única resposta que recibiron da Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza foi que non se poden acometer agora mesmo unhas obras que permitirían non só mellorar as condicións nas que desenvolve a súa actividade o persoal, senón tamén a dignidade das e dos doentes ingresados na unidade. Isto a pesar de que esa mesma Xerencia asegurou, antes do verán, que estarían xa rematadas o pasado mes de setembro.
O único que si fixo foi construír unhas duchas que, segundo denuncian, carecen das mínimas garantías sanitarias. Tal é así que cando unha persoa se está duchando tras rematar a quenda de traballo, a auga que utiliza pasa por debaixo da parede divisoria á ducha do lado.
Deficiencias estruturais
A ausencia de cubículos, que aínda se prolongará até que rematen as obras comprometidas, impide que as persoas ingresadas teñan o mínimo de intimidade ou mesmo que sexan visitadas polas súas familias e obriga ao persoal a levar permanentemente os equipos de protección para evitar ser contaxiados pola covid, co perigo que isto supón porque o propio persoal pode acabar por se converter en vector de contaxio.
Ás deficiencias estruturais desta unidade engaden a falta de reforzo de persoal o que as e os obriga, en ocasións, a facer quendas de ata 10 horas ou a dobralas, impedindo que poidan sequera soñar coa posibilidade de conciliar como calquera outro traballador ou traballadora. Unha situación que está provocando unha carga física e psíquica que a esta altura entenden que é intolerable.
E se isto non fora abondo teñen mesmo dificultades para chegar a acordos coa Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza no referido ás medidas de carácter organizativo e preventivas das/os profesionais desta unidade e de referencia para enfermos COVID-19, o que conleva a imposibilidade de dar unha asistencia sanitaria de calidade.
O persoal da UCI denuncia ademais, a falta de información da implantación ou revisión de organización e métodos de traballo a representantes legais e a falta dun protocolo ou plan de prevención de riscos centrado no posto de traballo en función das particularidades e funcións de traballo específico da UCI-A establecido pola Unidade de Prevención de Riscos Laborais.
Xunto a isto poñen en evidencia a falta de formación de profesionais en novas técnicas e en riscos laborais, adestramento no manexo de EPIs para adquirir soltura e seguranza na UCI-A e poder reforzar a unidade, mesmo en momentos puntuais.
Sobre estas cuestións a CIG-Saúde xa presentou denuncia perante a Inspección de Traballo, o pasado mes de outubro, diante da falta de resposta da Xerencia e a persistencia dos incumprimentos en materia de prevención de riscos, nomeadamente no referido aos protocolos covid, así como a a ausencia de medidas preventivas de carácter organizativo e de plans de continuidade necesarios para a previsión de baixas laborais do persoal deste servizos ante o esgotamento que o persoal está a padecer a todos os niveis.
Por iso vindeiro luns volverán a concentrarse nunha nova xornada de folga simbólica, á espera de que, por fin, a Xerencia amose a sensibilidade necesaria para que persoal e doentes poidan atender e ser atendidos con dignidade.