CIG-Saúde de Compostela denuncia que as Urxencias de Pediatría do CHUS están desbordadas
A CIG-Saúde de Compostela vén de denunciar a situación de saturación que padece Urxencias de Pediatría do CHUS, por mor da nula previsión de coberturas con profesionais nesta especialidade por parte da Xerencia. Considera que hai un “notorio incumprimento pola dirección do hospital das funcións e normas reguladoras do funcionamento” deste servizo hospitalario.
Neste sentido apunta a falta de previsión da Xerencia, ignorando a precariedade e desmantelamento da Atención Primaria e, polo tanto, a falta de coordinación entre hospital e a Primaria. Isto fai que o Servizo de Urxencias de Pediatría do CHUS se vexa desbordado cada día, cunha media de 150 nenas e nenos por día, chegando a máximos de 200. “E todo isto sen chegar os picos forte de asistencia polas patoloxías pediátricas que se prevén alcanzar nas vindeiras semanas”, indican.
Por iso denuncia a nula xestión e falta de previsión para adiantarse o que se vén anunciando desde fai meses, “milleiros de nenas e nenos con patoloxías respiratorias, por falta de exposición a virus creada pola pandemia”.
Sen planificar as necesidades de persoal
Segundo a CIG-Saúde, non se planificaron as necesidades de dotación de persoal do Servizo de Urxencias do CHUS, para dar unha asistencia segura e de calidade. A este respecto afirma que “se mantén o mesmo persoal de enfermería, sendo este mesmo persoal o encargado de dobrar quendas para asumir o reforzo do persoal necesario, impedindo os seus descansos e a súa conciliación familiar, traballando con cargas de traballo inasumibles, onde os tempos de asistencia son apretados e onde se baten récords en facer valoracións de pacientes, como na triaxe, onde se debe contar con persoal formado e adestrado para tal fin”. Isto xunto ao feito de que a Xerencia “tampouco contemplou unha previsión de formación de persoal en Pediatría”.
Do mesmo xeito denuncia que non se contemplaron cambios organizativos no traballo, xa que se seguen a asumir tarefas que podían ser desenvoltas noutras unidades como o “Espertar de doentes” (sala de recuperación post-anestésica para quen acuden a realizar endoscopias), e dispor de máis tempo para atención e reducir a presión asistencial.
Precariedade laboral
A CIG-Saúde denuncia que a Xerencia tampouco soluciona a precariedade laboral e estabiliza prazas para previr o desgaste de persoal e que este poida conciliar traballo e familia. “Evidénciase a falta de planificación, xa que existindo unha praza libre dunha persoa de enfermería que se foi de traslado e outra por unha incapacidade temporal (baixa laboral) seguen sen cobertura a día de hoxe”. Unha situación que o SERGAS xustifica “co mantra de que non hai persoal e que lle vale para precarizar eternamente ao persoal ante a incompetencia da súa xestión”.
Xunto a isto denuncia que a minúscula sala de espera que hai non garante a habitabilidade para desenvolver unha asistencia sanitaria de calidade. Unha situación que xa denunciou durante a pandemia chamando a atención sobre a necesidade de mellorar as instalacións con espazos confortables para unha mellor atención ao doente pediátrico. Unha situación que continúa pois “segue a ser un reservorio onde entras cunha ferida nun xeonllo e podes saír con un virus respiratorio”, aseguran.
Por iso conclúe que a Dirección elude as súas responsabilidades de xestionar e organizar o servizo de urxencias de pediatría, o que sentencia ao persoal á precariedade laboral e mantén unha deteriorada asistencia sanitaria.