CIG-Saúde de Compostela denuncia os colapsos no servizo de Urxencias do Hospital Clínico
A CIG-Saúde de Compostela vén de denunciar a saturación do servizo de Urxencias do Hospital Clínico. “Atópase unha vez máis, nunha situación de cronicidade pola saturación dos doentes, camas e familiares nos corredores, coa consecuente sobrecarga de traballo para as e os profesionais. Unha imaxe habitual ano trás ano”, denuncia.
Asegura que a Xerencia de Santiago, nunha reunión celebrada o pasado mes de novembro, recoñeceu que o servizo de Urxencias “é un piar básico e é a cara visible do hospital” mais tamén que “adoece dunha organización adecuada, ademais dunha falta de persoal e material”.
Denuncia que, porén, coa chegada do inverno, das enfermidades desta época e coas necesidades das e dos doentes crónicos, se repite a saturación. Unha situación que atribúen tamén ao feito de que a atención primaria estea infravalorada. “Isto provoca as queixas do persoal pola presión coa que teñen que traballar e ten consecuencias para as e os doentes, que son os principais damnificados en termos de dignidade e da propia saúde”, asegura.
Atención Primaria
A CIG-Saúde de Compostela denuncia que na maioría dos centros de Atención Primaria non se cobren os permisos do persoal (vacacións, baixas laborais...) o que obriga a forzar citas a maiores nas axendas do persoal reducíndose a calidade asistencial e o tempo dedicado. A este respecto sinala, como exemplo, casos de “17 citas a maiores das programadas nalgún centro de saúde ou pechar o Servizo de Radioloxía do Ambulatorio de Lalín nas tardes, que fai que moitos enfermos acaben acudindo ao servizo de Urxencias do Clínico”.
Falta de persoal e peche de camas
Ademais asegura que non hai unha alternativa á hospitalización convencional e que tampouco se poden abrir máis camas no Hospital Gil Casares ao non existir máis médicos internistas.
A CIG-Saúde de Compostela denuncia ademais os peches de camas que se produciron no complexo desde o verán e que aínda permanecen pechadas, como as do servizo de pneumoloxía do Hospital Provincial.
Mobilizacións
Diante disto alertan do grave deterioro da sanidade pública e das súas prestacións para as e os doentes. Por iso veñen mobilizándose para garantir unha mellor calidade asistencial e que se lle recoñeza ao persoal o dereito a recuperar as condicións laborais, salariais e sociais perdidas.