CIG-Saúde de Compostela denuncia “o naufraxio da Atención Primaria”
A CIG-Saúde de Compostela vén de denunciar a situación de “total abandono, deixamento, desidia e desleixo” da Xerencia da Área Sanitaria de Santiago na prestación na asistencia sanitaria a poboación.
Un abandono do que responsabilizan a Eloína Nuñez e o seu equipo logo de que este luns, de 4 médicos de Familia que hai non Centro de Saúde de Arzúa só 1 estivera dispoñible ás 08.00 hs. “Agás unha ausencia que foi motivada a última hora, sabíase dende o xoves que ían faltar polo menos 2 profesionais”, aseguran. Porén a Xerencia, no canto de adoptar medidas optou, como solución, por “suspender todas as consultas e só atender urxencias”.
A CIG-Saúde considera que esta situación é consecuencia das políticas de aforro da consellaría de Sanidade, mais tamén da mala xestión da Xerencia, porque segundo denuncian “antonte tocoulle o turno ao PAC da Pobra; o Domingo de Pascua ao PAC de Padrón; o sábado outra vez a Arzúa, e así en infinidade de centros, nos que os cartaces de que a médica titular hoxe non pasa visita son máis que habituais”.
Este mesmo abandono dase no resto das categorías profesionais da atención primaria:
- Enfermería con cupos de 4000 doentes para atender o dobre do recomendado para facer unha atención axeitada, como en Bertamiráns tarde e algún outro, Rianxo tarde, Pobra do Caramiñal, que impide, que non se poida levar un programa de atención aos crónicos nin actividades de promoción da saúde.
Unha situación diante da que denuncian que “non hai unha carteira de servizos de enfermería, nin un cadro suficiente de persoal para atender as necesidades dunha poboación cada vez máis envellecida e máis demandante de coidados”.
- Matrón/a coa creación de prazas “último modelo”: Rianxo, Vila de Cruces, Silleda “na que deben pensar dende a xerencia, que o profesional está para facer turismo pola área sanitaria en vez de ter un cupo limitado e unha fidelización as usuarias”.
- Psx ( persoal administrativo), non é que haxa centros nos que non existe esta figura: Pontevea, Porto do Son tarde, Souto de Vea, Taragoña... “senón que aínda por riba, arrástrase de onde hai para onde non hai como pasou en Bandeira, que se cubre a costa do centro de saúde de Silleda, deixando un persoal menos”.
- A cobertura deste persoal por media xornada cando a titular fai unha xornada completa é sinxelamente inoperativo, xa que tentar de facer o traballo de 7 hs en 3 e media e de superheroínas
- Traballadoras Sociais, cun máis que escasísima dotación de persoal
- Fisioterapeutas, Odontólogos, Hixienistas, Traballadoras sociais que tamén faltan
Este é o panorama que debuxan e que leva a concluír que a situación da Atención Primaria é de “naufraxio”.