CIG-Saúde de Compostela denuncia o colapso do servizo de Urxencias
A CIG-Saúde de Compostela vén de denunciar o colapso que sofre o servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Unha situación que se repite ano tras ano e que atribúe ao desmantelamento da atención primaria; o peche de camas; o aumento de doentes crónicos/as e oncolóxicos/as e os recortes en persoal e medios materiais.
A CIG-Saúde recoñece que parte deste colapso é debido á chegada da gripe. Porén asegura que esta doenza “só vén agravar unha situación que o persoal vén denunciando reiteradamente” e que a sobrecarga de traballo xa vén de hai meses.
“Péchanse camas cando está aumentando o número de pacientes crónicos, pluri- patolóxicos e oncolóxicos. Malia isto, desmantélase a atención primaria. Invístese cada vez menos na atención a domicilio. O que motiva que os usuarios non atopen máis saída que iren a urxencias”, afirman.
Salienta que, unha vez en Urxencias, estes/as doentes atópanse con outro problema: “recortes tanto en materiais coma en persoal”. Unha situación que “é a tónica habitual dende o 2009”, data de comezo do desmantelamento da sanidade pública “para un maior beneficio da privada”.
CIG-Saúde de Compostela manifesta ademais a súa indignación coas declaracións nun medio de comunicación de Luís Verde Remeseiro, Xerente de Xestión Integrada do CHUS, “un traballador público, médico de atención primaria, que menospreza a Sanidade Pública cás súas manifestacións nese medio”.
Aseguran que nun servizo que atende unha media de 432 urxencias diarias, “resúltanos moi complicado, a nós como CIG, entender as declaracións da semana pasada, coas que culpabiliza aos médicos deste servizo, iso si, no tono distendido do que sempre fai gala, de tomar café en vez de traballar”.
Por iso pregúntanse como Verde, sendo Xerente e, polo tanto, máximo responsábel deste Complexo, coñecendo estes datos, “se atreve a facer semellantes declaracións, en vez de recoñecer o labor duns profesionais, que pese as dificultades impostas desde a Dirección, conseguen facer o seu traballo contribuíndo a manter unha sanidade pública de calidade”. A isto engaden, para coñecemento da Xerencia, que “ningún traballador desta Xerencia, antepón o café a atención ó usuario”.