CIG-Saúde de Compostela denuncia "manipulación" nas listaxes de contratación de Radioloxía
CIG-Saúde de Compostela denuncia que o Presidente da Comisión de Contratación da Xerencia de Santiago “ten trato de favor con algúns/has traballadores/as dunha empresa pública”. Asegura que non existe “unha actuación transparente na xestión”, que non se respecta “o principio de imparcialidade” nin se asegura “un trato igual e sen discriminación de ningún tipo no exercicio das súas funcións”. Por iso demanda “claridade e legalidade na contratación” nun sistema sanitario “onde non se vulneren os dereitos dos/as traballadores/as”.
CIG-Saúde de Compostela centra a súa denuncia, en concreto, nas contratacións de Técnicos/as de Radioloxía(TER). A este respecto afirma que se practica un “rancio pseudo-caciquismo ao ter a uns TER elixidos aos que ofertarlles contratos, en detrimento de aqueles outros aos que lexitimamente lles correspondería pola súa orde de prelación nas listaxes”.
Considera que esta situación se produce porque, a día de hoxe, non existe a especialidade en TAC e RMN para Técnicos/as Especialistas en Radioloxía (TER), nin listados de contratacións específicos para TAC e RMN. Como tampouco existe unha relación de postos de traballo identificados e descritos no Servizo de Radioloxía.
“No servizos de radioloxía, como nos restantes, ten que existir unha planificación das necesidades dos recursos humanos, que permita acadar un servizo permanentemente organizado e operativo, coa finalidade de garantir seguridade e calidade nas prestacións sanitarias e asistenciais que, desde alí, se lle dispensan á cidadanía”, asegura.
Responsabiliza desta situación ao Presidente da Comisión Periférica de Seguimento de Vinculacións Temporais, que é o organismo encargado de vixiar que os nomeamentos (chamamentos e contratos) se realicen correctamente verificando que se axusten ao pacto de contratacións.
Chamamentos e contratos que, ademais, teñen que darse seguindo rigorosamente a orde de puntuación acreditada na listaxe de contratacións.
Xunto a isto chama a atención sobre o feito de que a mesma persoa ostente os cargos de Presidente da Comisión Periférica de contratacións e Director de Recursos Humanos, cargo que ten a responsabilidade de realizar o seguimento dos gastos en persoal, segundo o orzamento asinado e mesmo coordinar a formación continuada de acordo coas necesidades existentes. “As funcións inherentes a cada un deses postos contrapóñense frontalmente”, denuncia.
Entende que isto “explicaría en grande medida a falta de imparcialidade, da que hai probas manifestas e denunciadas por nós de antigo”. A isto engade que o Presidente desa Comisión “erixiuse en gurú da mesma” e que poñendo en práctica “técnicas manipuladoras”, “entorpece, interfire e/ou atrasa a actuación de algún dos seus membros, para seguir exercendo con total impunidade a falta de transparencia e imparcialidade da que fai gala”. Unha situación diante da que demanda “claridade e legalidade”.