CIG-Saúde de Compostela denuncia fallos nos sistemas de seguridade antiincendios no CHUS
A CIG-Saúde de Compostela vén de denunciar o “fallo total e absoluto dos sistemas de seguridade” do Hospital Clínico ao fallar os detectores de fume e ter o persoal que dar a voz de alarma por un incendio producido nunha máquina. Considera que é un problema grave que podería traer “fatais consecuencias” se non se adoptan medidas inmediatas.
Segundo explican, os feitos ocorreron o pasado día 15 de xullo, contra as 8:00 no Laboratorio do Hospital Clínico, onde comezou a arder unha máquina e o propio persoal tivo que dar a voz de alarma, porque non saltaron os detectores de fume, e extinguir o incendio cos seus medios .
A CIG-Saúde considera que o incidente podería ter sido “unha verdadeira desfeita” se chega a acontecer nalgunha das distintas áreas nas que non hai persoal en fin de semana ou se mesmo habendo persoal, este non detecta a tempo o incendio e non alerta no mesmo.
As e os representantes da CIG pregúntanse que ocorrería se esta situación se dá nunha instalación que presta os seus servizos dentro do edificio hospitalario pero é allea á área de xestión, como é o caso de Ciclotrón ou Fidis, entre outras.
Denuncia ademais que o teléfono de emerxencia, central de averías, dispoñible para tal efecto, “ante a falta de persoal e a non cobertura deste, nas quendas de noite dos días laborais e festivos as 24 hs está desviada a un teléfono de fóra non só do complexo hospitalario, senón de fóra da Comunidade Autónoma, polo cal o manexo das situacións de urxencia ou emerxencia están lonxe de ser garantes de seguridade”.
Xunto a isto acusa á Xerencia de Xestión de agochar o caso “omitindo a notificación polas canles establecidas á que están obrigados, nun intento de tapar e ocultar”, en lugar de establecer unha comunicación fluída cos/coas delegados/as de prevención.
Plan de Autoprotección
A CIG-Saúde de Compostela lembra que tal e como consta nas actas correspondentes, leva anos solicitando a presentación ao persoal, e a aplicación, do Plan de Autoprotección que é o documento que recolle todos os medios materiais e a estrutura organizativa encamiñada a previr e controlar os riscos sobre aspersoas e os bens, e dar resposta axeitada as posibles situacións de emerxencias dunha actividade, centro ou establecemento. É decir, previr riscos, saber dar a voz de alarma e saber as vías de evacuación si é necesario.
Inquire ademais á xerencia do CHUS para que explique ademais se son coñecedores os servizos externos de prevención, como os bombeiros de Compostela, destas irregularidades ou se, polo menos, se lles notificou esta incidencia.