CIG-Saude de Compostela denuncia as graves deficiencias de urxencias pediátricas do Clínico
CIG-Saúde de Compostela vén de denunciar na Inspección á Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza –por segunda vez nunha semana- desta volta polas graves deficiencias da unidade de Urxencias do hospital Clínico de Santiago. Un servizo no que, ademais de non haber persoal diferenciado para covid e non covid, falta mobiliario, instrumental, zonas de espera, material para facer radiografías e no que non se garante a protección de datos das e dos doentes.
Segundo explica Xavier Alvedro, representante da CIG-saúde de Compostela, o 12 de marzo deste ano realizábase un informe de Avaliación de Riscos Laborais do Servizo de Urxencias de Pediatría no que se enumeraban unha serie de deficiencias entre as que se salientaba que o servizo non dispoñía dunha área para realizar a limpeza e desinfección dos EPIs reutilizables e a inexistencia na zona destinada a doentes ou con sospeita de COVID dunha área para a preparación da medicación. Ademais, sinalábase a necesidade de programar a realización de avaliación de Riscos Psicosociais ao persoal. Porén, “a data de hoxe nada disto se fixo”.
Denuncia do persoal de enfermería
Alvedro lembra que o propio persoal de enfermería remitía en agosto un escrito á xerencia denunciando tamén que na zona destinada a doentes Covid ou sospeita “xa non é que non haxa un cuarto para a preparación de medicación, é que non hai un cuarto nin zona destinada á atención dun doente crítico ou ben á espera de ser ingresado/a na UCI de Pediatría, o que conleva que ese paciente sospeitoso ou diagnosticado de Covid-19 teña que ser atendido ou estabilizado na zona limpa, ben no cubículo destinado a tal efecto, coñecido como ‘críticos’ ou ben para o Hospital de Día”.
Xunto a isto denunciaban que “na zona sucia non hai conexións de kalinox para a sedación de doentes axitados, o que conleva que os teñan que pasar a zona limpa, xa que todos os aparataxes e conexións destinados á atención crítica e urxente están na denominada zona limpa”.
Por iso a CIG-Saúde de Compostela denuncia que existe claramente na actualidade “unha mestura de circuíto covid/non covid”, cando é fundamental que ambos estean claramente diferenciados e que cada circuíto dispoña de equipamento, box de críticos, box de observación, cuarto de medicación, ao igual que as salas de espera.
Ademais afirma que “tampouco existe persoal diferenciado para zona covid/non covid, actuando os propios traballadores como vectores de transmisión do SARS-Cov-2 de zona covid a non covid”.
Zona de espera nun corredor
Xunto a estas cuestións a CIG-Saúde denuncia importantes deficiencias de funcionamento na unidade como que a zona de espera de doentes non covid estea no medio dun corredor alleo ao servizo, sen vixilancia de ningún tipo polo persoal da Unidade; con vías canalizadas e a carón do bloque de ascensores centrais e de paso de numerosas persoas, sen ningún tipo de protección, nin mampara de separación.
Como tamén asegura que está no medio dun corredor a zona dedicada a triaxe limpa, sen ningún tipo de garantía para a protección de datos persoais nin confidenciais.
Falta de mobiliario e instrumental
Na unidade falta ademais material mobiliario e instrumental de traballo, desde tensímetros até monitores nos cubículos de observación, pulsiómetros que non están ancorados, o que provoca que calquera neno poda tirar do cable e que caia enriba del; cubetas de medicación rotas na zona de box de críticos e cun informe da unidade de prevención de riscos laborais de dotar máis estaterías de medicación na outra parede…
No informe de avaliación recóllese tamén, e así o denuncia a CIG-Saúde de Compostela, que faltan camas regulables en altura na sala destinada a Hospital de Día e que as existentes teñen problemas de freado de rodas.
O mesmo ocorre co material para facer RX, porque “en moitas ocasións son as nais ou pais das nenas ou nenos quen se encargan da súa suxeición para facerlle a radiografía, pero sen levar ningunha protección, co que levan a radiación de forma gratuíta”. Xunto a isto, nin sequera hai un libro de rexistro de estupefacientes na unidade, co que se ten que compartir o existente co servizo de UCI de pediatría.
Para a CIG-Saúde tamén é un problema para garantir a protección de datos que ao non dispor de encamiñadores mediante códigos nas salas de agarda a xente o persoal do servizo tea que chamar a viva voz ás/aos doentes.
Demanda de medidas preventivas covid
Diante desta situación, a CIG-Saúde demanda medidas preventivas organizativas para minimizar o intercambio de persoal sanitario entre zonas covid e non covid e unha protocolización clara das áreas de traballo, delimitando o circuito covid e non covid –claramente sinalizados- e garantindo en cada un equipamento, box de críticos box de observación, sala de preparación de medicación ou sala de espera.
Xunto a isto exixe que se faga a avaliación de riscos psicosociais do persoal, tal e como se contemplaba no informe de avaliación de riscos do mes de maio e que a Xerencia dispoña da planificación preventiva das medidas de avaliación de riscos de urxencias de pediatría, xa que a esta altura se descoñece a súa existencia.