CIG-Saúde de Compostela denuncia a vulneración de datos das mulleres que acoden ao servizo de detección do cancro de mama
A CIG-Saúde vén de remitir un escrito á Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza poñendo no seu coñecemento as vulneracións que se están a producir en materia de protección de datos, coa fin de que sexa depuradas, e con carácter previo á interposición dunha denuncia perante a Axencia Española de Protección de Datos.
Segundo explica a CIG-Saúde, na consulta de Cancro de Mama situada a carón do hospital Gil Casares os chamamentos das pacientes realízanse de viva voz. “Enúnciase o seu nome e apelidos, podendo ser identificadas por todas as persoas alí presentes”. Dese xeito, explica, “será posible entón asociar a esa paciente cunha patoloxía determinada, xa que acoden para realizar un estudo radiolóxico para a detección de cancro de mama”.
Por iso advirte ao SERGAS que debe proceder a establecer “un procedemento de disociación, que non permita a identificación da paciente”, tal e como prevé o artigo 3 da lei orgánica de protección de datos (en adiante LOPD) e ao igual que se fai noutras consultas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, nas que, en vez de chamar polo nome, chaman por un número de cita, impedindo que se poida asociar a cita, cunha identidade.
A CIG-Saúde de Compostela lembra que os datos de carácter persoal relacionados coa saúde están especialmente protexidos, de conformidade co artigo 7.3 da LOPD, establecéndose unhas sancións graves, de conformidade co artigo 44.3.h), de entre 40.001 e 300.000€. E subliña que “é evidente que cando se chama a viva voz a un paciente que se atopa nunha consulta, estase subministrando datos médicos a terceiras persoas que se atopen no recinto”.
Día da Protección de Datos
Para a CIG-Saúde este desleixo na protección de datos das e dos doentes contrasta co escrito remitido polo SERGAS ao persoal o pasado día 28 de xaneiro, con motivo do Día da Protección de Datos, no que se afirma que “o Sistema Público de Saúde de Galicia protexe a información de todas as persoas que teñen ou tiveron vínculo profesional con algún dos centros que o compoñen”. Protección que para o sindicato queda en entredito ante a falta de medidas para casos como o denunciado se producen.