CIG-Saúde denuncia falta de atención á saúde sexual das mulleres maiores de 65 anos
CIG-Saúde de Compostela vén de denunciar a falta de matronas en Galiza, onde o seu número é un 50% inferior á recomendación da OCDE, situándose así como última comunidade do Estado. Denuncia ademais a grave situación da Área sanitaria de Santiago onde as mulleres, sobre todo do ámbito rural, se vén obrigadas a desprazarse aos puntos de referencia de traballo das matronas, moitas veces afastados das súas localidades. Unha situación da que responsabilizan á mala xestión tanto do anterior Xerente, Luís Verde, como a da actual, Eloína Núñez.
CIG-Saúde asegura que hai matronas que levan 3, 4 ou mesmo 5 concellos distintos na súa axenda de traballo. A modo de exemplo, sinala que a Ordes, se lle suma Tordoia, Trazo, Frades e ás veces Mesía; a Melide, Toques, Santiso e Boimorto e no caso de Muros, a matrona ten que asumir as mulleres de Carnota e Mazaricos, cando por referencia estas últimas terían que ser atendidas en Santa Comba.
Programa das Mulleres
Por iso denuncia que “a esta Xerencia, non lle interesa o programa das Mulleres e a prevención de enfermidades” e afirma que esta situación é peor para as mulleres maiores de 65 anos. “Non lle interesa facer consultas de saúde sexual nas etapas menopáusicas das mulleres. Non lle interesa programar detección das distintas patoloxías máis frecuentes nestas idades: cérvix, mama... Non lle interesa facer programas dirixidos á incontinencia urinaria, por exemplo, e xa non digamos dos problemas uterinos achegados nunha idade”.
Para a CIG-Saúde de Compostela este desinterese débese a que “canto máis se desprograme a atención ás mulleres fóra da idade reprodutiva e menos se faga, máis se aforra no ámbito de contratación do persoal e é cando as matronas sobran” De aí que pasen a ter até catro concellos como ámbito referencia.
Malia esta situación a CIG-Saúde salienta o labor do colectivo de matronas na atención primaria, “onde ten campo de abondo de traballo se lle deixan; asesoramento a xóvenes, screening enfermidades de transmisión sexual, detección violencia de xénero, asesoramento no aleitamento”. Un traballo que, denuncian, “non se pode limitar só o traballo ao embarazo e postparto inmediato”.
Considera que esta situación responde á concepción de que gastar cartos na prevención non é rendíbel e rexeitan que se valore máis como mérito de xestión recortar en persoal.