CIG-Saúde de Compostela denuncia a descapitalización de efectivos de persoal en Atención Primaria
A CIG-Saúde de Compostela vén de denunciar a situación de descomposición da Atención Primaria e a falta de cobertura de profesionais na área sanitaria de Santiago. Responsabiliza disto á Xerencia e, nomeadamente á Xerente, Eloína Núñez, pola súa “mala xestión”, que está a provocar que as e os profesionais “marchen cara outras áreas sanitarias en busca da estabilidade laboral que aquí non lles ofertan ou mesmo o recoñecemento profesional que aquí se lles denega”.
Por iso lembra á xerente que unha das súas funcións é “xestionar todos os recursos da respectiva estrutura de xestión integrada, para garantir a prestación dos servizos definidos na carteira de servizos”. Fronte a isto afirma que a xerente “non está a cumprir o seu traballo”, e que cando unha categoría con déficit de profesionais, estes/as “son tratados/as inxustamente, con contratos precarios por días, ou mesmo por horas, en centros de traballo e carteira de doentes distintos cada día”.
Afirma que isto leva a este persoal a marchar a outra xerencia ou empresa que lle oferte estabilidade laboral para poder desempeñar a súa profesión con dignidade. Xunto a isto subliña que “é intolerable” que non se cubran as ausencias do persoal en categorías especialmente sensibles para a poboación como pode ser Pediatría, Matrona ou Medicina de Familia ou que hai postos de traballo de PSXs que teñen que asumir as tarefas dunha ou de dúas persoas ausentes.
Falta de persoal
Isto xunto a médicas/os de Familia, que aparte de asumir as ausencias das/os compañeiras/os do centro, teñen que asumir a falta do Pediatra e ver aos nenos maiores de 3 anos. Como exemplo poñen o centro de saúde de Porto do Son, onde só quedaban 2 titulares de 5 existentes no cadro de persoal para dar asistencia e facer os traslados hospitalarios urxentes ou mesmo Calo, como ocorreu a semana pasada, e que mesmo orixinou unha protesta veciñal.
O mesmo ocorre coas matronas, que teñen que atender un ámbito de 5 concellos, Ordes, Trazo, Mesía, Tordoia e Frades, e que “ante a inestabilidade das contratacións están desexando cambiar de área en busca da estabilidade laboral, como xa aconteceu antes do verán e volverá pasar” ou con hixienistas dentais, que están sen axenda.
Para a CIG-Saúde de Compostela “é incrible” que a Atención Primaria non conte con profesionais como Logopedas, Psicoloxía ou Terapeutas Ocupacionais, e que mediante o seu traballo se poida conseguir unha calidade asistencial óptima e, de paso, “diminuír as frecuentacións hospitalarias e a desconxestión dos hospitais”.
Ante isto denuncian que “non é máis que unha sen razón de quen xestiona a saúde da poboación, e non é máis que a mestura de anos e anos de desregularización dos postos de traballo e da famosa taxa de reposición, pola que non se convocan o 100% das prazas vacantes do sistema, da externalización de servizos, derivación aos hospitais privados”, entre outras.
Apoio ás queixas e mobilizacións de usuarios/as da área sanitaria
Ademais, CIG-Saúde apoia as concentracións e queixas de usuarios/as de Rianxo, Porto do Son ou mesmo Frades ou Teo, ante a carencia de profesionais para dar unha asistencia sanitaria os veciños e veciñas. Demanda que se cumpra o Decreto 168/2010, que recolle que a Xerencia “ten como finalidade a prestación de servizos sanitarios á poboación, tanto de tipo preventivo como asistencial e rehabilitador, así como a atención sociosanitaria...”
Solicitan unha Atención Primaria “á altura dos veciños e veciñas, é dicir, cos profesionais necesarios para dar resposta ás necesidades de saúde da poboación, que traballen en condicións dignas e estabilidade laboral, para ofertar unha asistencia digna e de calidade, dedicando o seu tempo e esforzo para poñer os seus coñecementos ao servizo da poboación”.