CIG-Saúde de Compostela demanda que a Xerencia da Área Sanitaria respecte os horarios do persoal
A CIG-Saúde de Compostela concentrábase esta mañá diante do hospital clínico para denunciar que se está obrigando ao persoal a facer gardas fóra da xornada regulamentada; que os calendarios están sobredimensionados en horas; que falta persoal nos centros de saúde; que a precariedade é insostible e que non hai criterios na referencia das coberturas.
Respecto desta última cuestión, o representante da CIG-Compostela, Xavier Alvedro, asegura que as coberturas se deciden sen ter en conta as zonificacións de referencia e que isto provoca que se estea mobilizando ao persoal de forma completamente arbitraria. “Pódenche mandar de Noia a Ribeira a cubrir a falta de persoal ou de Melide a Muros, sen que saibamos en base a que criterio están adoptando esa decisión”.
Respecto desta cuestión, Alvedro denuncia ademais que non se están respectando os acordos acadados en mesa sectorial e que se ocultan os datos do persoal mobilizado non xa ás organizacións sindicais, senón mesmo aos organismos. Nese sentido asevera que “non se remitiu ningún dato ás representantes das e dos traballadores repectro do persoal mobilizado, nin ningunha causa que motive o desprazamento a outro posto de traballo, tal e como vén recollido na normativa”.
Do mesmo xeito, denuncia que tampouco se respectan os descansos do persoal entre gardas ás que, lembra “todo o mundo ten dereito”. A modo de exemplo sinala que “se teñen dado casos de saír ás 8:00 horas dunha garda de 17 horas e entrar as 15:00 horas do mesmo día”.
Nese sentido apunta que a situación é tal que cando chegan os calendarios están tan sobredimensionados en horas que son devoltos ás Xerencias porque, en ocasións presentan máis dun mes de traballo a maiores do que lles corresponde”.
Incumprimento dos acordos: creación de equipos dobres
Xunto a isto, a CIG-Saúde de Compostela rexeita o incumprimento dun dos puntos do acordo que levou á desconvocatoria da folga de PAC en 2019, nomeadamente o referido á creación de equipos dobres. Como exemplo puxo os casos de Ordes e de Lalín, e lembrou que, en concreto, no punto 5 do acordo acadárase o compromiso de estudar e implementar ao persoal de enfermería naqueles PACs nos que había a figura de 2 ou máis médicas/os.
“Tanto en Ordes como Lalín son un claro exemplo de que non se fixo desde esta xerencia nada ao respecto. PAC cunha frecuencia altísima ( Ordes é o 2º con máis asistencia e Lalín é o 4º), nos que máis pacientes se consultan pola noite (Lalín é o 1º e Ordes é o 3º) e os que máis saídas teñen de Urxencia fóra do Pac (Lalín é o 2º e Ordes o 5º na saída na quenda de Noite)”, explica Alvedro.
A isto engade que son PAC que cobren unha extensión territorial das máis grandes de toda a área sanitaria e con grande dispersión xeográfica. Neste sentido sinala que “en moitas ocasións ante a saída de emerxencias, o PAC queda só cun persoal médico para atender urxencias que chegan ou ben son requiridos para saír fóra, polo que faltan efectivos de enfermería”.
Falta de persoal
No decurso da concentración as asistentes clamaron contra a falta de persoal, tanto en ordinaria, como en PAC, que “se fai evidente na cobertura e mesmo na atención sanitaria que se presta”, xa que, por exemplo, o Centro de Saúde de Noia, “queda a partir das 19:00 horas, durante mínimo 2 días á semana, sen persoal médico, cando tiñan que existir 2 presenzas até as 21:00 horas. O PAC non está para resolver esta problemática, o que ocasiona trastornos á poboación á hora de citación ou burocracia”.
A CIG-Saúde de Compostela rexeita ademais a nova modalidade de contratación que se quere pór en marcha por parte do SERGAS, presentada no pasado 4 de Novembro en mesa sectorial, e que “non fai máis que perpetuar os contratos de continuidade, que son dunha precariedade e penosidade considerable , pero que non van aportar horas estruturais ao sistema por parte do persoal, nin sequera van ser atractivos para persoal doutras áreas ou comunidades autónomas”.