CIG-Saúde pídelle á Xerencia que garanta a asistencia sanitaria na Mariña durante as obras no hospital
A CIG Saúde denuncia que a mala planificación das obras de ampliación do Hospital da Mariña está a provocar o traslado de doentes da comarca na cidade de Lugo. A central nacionalista responsabiliza desta situación á Xerente do Hospital, María José Cortés, pois sabendo que a organización das obras vai provocar continuos ingresos de pacientes en Lugo pon en marcha un protocolo de derivación polo peche de 60 camas nas plantas actuais de hospitalización de Traumatoloxía e Cirurxía.
“Entendemos que non se deberan pechar as dúas plantas de xeito simultáneo e que as obras de reforma teñen que acometerse en dúas fases: primeiro unha planta de hospitalización e unha vez rematada e operativa, na outra planta restante. Deste xeito manteríamos sempre 30 camas a maiores operativas e evitaríamos calquera tipo de traslados relacionados coas obras”, subliñan.
60 camas pechadas
CIG Saúde lembra que o Hospital da Mariña conta a día de hoxe con menos camas de hospitalización, o que está a provocar o ingreso de adultos en pediatría e o ingreso de pacientes doutras especialidades na planta de obstetricia. Porén, isto non implicou que se reforzara o persoal destas unidades.
Nun hospital que viña mantendo xa unha ocupación do 100% e con ingresos de adultos na pediatría por déficit de camas, critican que a planificación por mor das obras se deséñase co peche simultáneo de 60 camas (30 en Cirurxía e 30 en Traumatoloxía), xustamente no momento do ano de maior saturación de ocupación a causa das patoloxías propias desta época.
Consecuencias para a veciñanza
Dende CIG Saúde A Mariña alertan a toda a poboación da comarca de que esta situación se manterá cando menos até o verán de 2019. Até o momento, a central confirmou que, polo menos, tres persoas foron derivadas e ingresadas no HULA entre protestas de disconformidade. “Consideramos que facer unha planificación sabendo que vai provocar constantes ingresos da Mariña en Lugo durante un período tan prolongado no tempo non é de recibo e será a propia veciñanza a que sufra as consecuencias desta pésima planificación e costee do seu peto os gastos de verse obrigados a ingresar no HULA (viaxes, manutención, aloxamento, etc.)”, afirman.
Por iso, CIG Saúde reitera que o ideal sería acometer as obras en dúas fases e reclama da Xerencia do Hospital que adopte as medidas oportunas para garantir unha atención de calidade e minimizar os traslados a Lugo durante o tempo que duren os traballos de ampliación.
As derivacións provocan a saturación do HULA
Neste senso, dende a CIG-Saúde de Lugo advirten que de maneira habitual o HULA se atopa con "demasiadas camas pechadas durante unha parte importante do ano ou ben a plena ocupación aínda coas camas abertas". Por este motivo, os/as doentes están mesturados e fóra das unidades que lles corresponderían, o que supón dificultades para as persoas ingresadas mais tamén tamén para o persoal.
Ademais, as urxencias soportan todo o ano pacientes ingresados/as tanto en observación como nos box de atención urxente, coas conseguintes faltas de comodidade e os problemas para os/as profesionais desenvolver o seu traballo.
Diante disto, a CIG-Saúde de Lugo alertan das consecuencias que suporá para o HULA ter que asumir a carga asistencial que lle correspondería ao Hospital da Costa, "cando sabemos que tarde ou ceso as patoloxías propias desta época van motivar que se desborden as capacidades do noso hospital".
Decisións baseadas "en criterios de recorte"
Por iso súmanse as críticas pola mala planificación da Xerencia no relativo ás obras de ampliación do Hospital da Costa: "coma sempre as decisións que se toman fanse ás escuras e con criterios de recorte, sen ter en conta os trastornos causados os/as doentes que se teñen que desprazar a máis de 100 km dos seus domicilios ou a múltiple saturación á que se van ser sometidas todas as unidades do Hospital de Lugo".