CIG-Saúde da Coruña trasládalle ao BNG a crítica falta de persoal TCAE e celador no Abente y Lago
Traballadoras e traballadoras do Hospital Abente y Lago, xunto con representantes da CIG-Saúde da Coruña, reuníronse este luns coa deputada do BNG, Mercedes Queixas, para pedir o apoio desta formación ante a negativa do SERGAS a contratar persoal TCAE e celador. Durante o encontro, entregouse un escrito sobre a situación do hospital para que o BNG presente unha iniciativa no Parlamento sobre esta problemática e tamén se dará traslado do escrito ao resto de grupos parlamentarios e mais á Valedora do Pobo.
A CIG-Saúde subliña que no Abente y Lago, nas unidades de medicina interna, ingresan doentes con idades moi avanzadas, dependentes e con pluripatoloxías que precisan de moitos coidados e necesitan axuda para levantar da cama, facer o aseo, cambiar o cueiro, vestir, comer, duchar, etc. "Pero coa dotación actual de persoal auxiliar de enfermería e celador é imposíbel dar unha atención de calidade. As e os pacientes pasan varias horas sen erguer, hai atrasos nos cambios posturais e dos cueiros etc. e todo por non dispoñer de persoal suficiente", denuncia Lucía Peón Soutiño, delegada da CIG-Saúde.
A este respecto, alerta que hai quendas de noite cun único celador/a para 75 pacientes e quedas nocturnas nas que só hai un persoa TCAE para atender 25 pacientes. Malia as denuncias sindicais, as mobilizacións feitas diante do hospital e que o persoal está esgotado polo sobre esforzo que ten que realizar, a "Xerencia ignora estas demandas e mantén unha postura de falta de diálogo, pois nin sequera convocou o órgano de representación para negociar".
Nesta situación, advirte a CIG-Saúde, "os/as profesionais están cansos/ as e optan por “fuxir” en canto poden destas unidades a outras onde a carga física sexa menor. Non hai mais ca ver a cantidade de persoal temporal destas categorías, o que tamén supón unha renovación constante do cadro de persoal deste hospital".
Peón Soutiño lembra que en ambas categorías hai profesionais nas listas que podería ser contratado para aliviar en gran medida a carga de traballo actual. "Pero se a Xerencia non reforza o cadro de persoal, só cabe pensar que é por unha simple medida de aforro. Parece que a este Goberno da Xunta non lle importan nin as persoas doentes nin os traballadores e as traballadoras da sanidade pública", critica.
Dende a CIG-Saúde da Coruña agardan que a petición da iniciativa do BNG sexa escoitada pola Xunta e "dunha vez por todas se dote do persoal necesario a este hospital".