CIG-Saúde da Coruña denuncia o colapso do CHUAC, que afecta en especial ás camas de críticos
A CIG-Saúde da Coruña alerta do colapso que está a padecer o CHUAC, especialmente nas unidades de críticos nas que a situación "é desbordante". Explican que as camas convencionais de UCI de adultos, antes da pandemia, sumaban 38, pero neste momento a ocupación está moi superada, só tendo en conta os/as pacientes Covid-19.
Lucía Peón, responsábel comarcal da federación, aclara que en marzo do ano pasado se habilitaron 36 camas para pacientes críticos de Covid-19, que actualmente están ocupadas, tendo que pasar a ocupar as unidades de reanimación e incluso quirófanos e antesalas dos quirófanos. Isto, advirte, incide directamente na actividade cirúrxica, que practicamente está toda anulada, quedando relegada a actividade cirúrxica á de carácter urxente.
"A ocupación real do CHUAC de unidades de críticos supera o 150%, é indignante ver nos medios de comunicación que se fale, por parte da Xunta, dunha ocupación sobre o 50%, xa que nos sitúa nun plano do que estamos moi afastados", denuncia Peón Soutiño.
Sobreesforzo do persoal
Lembra que nas unidades de críticos non só hai pacientes Covid-19, xa que hai moitas máis patoloxías que precisan destes coidados especiais. "Se aos/ás case 90 pacientes críticos Covid-19 actuais sumamos o resto de pacientes ingresados/as nas unidades de críticos, dámonos conta da situación de colapso total que estamos a vivir no CHUAC".
Dende CIG-Saúde subliñan que os e as profesionais da área "están cansas e exhaustas", e que a tardanza na adopción de medidas "levou o sistema a unha situación de colapso máxima, tendo que dobrar quendas de traballo para poder atender as e os pacientes".
Neste senso, a central salienta que a formación dunha área de críticos esixe de tempo "e habilitar camas de críticos non é só colocar respiradores, esixe tamén de persoal formado, ben escaso na actualidade, e polo tanto estáselle a esixir un sobreesforzo dificilmente soportable e máis cando a Consellaría afirma que aínda hai capacidade de medrar… A onde pretenden medrar? Canto máis poden dar de si as compañeiras e compañeiros?".
Falta de previsión
A CIG-Saúde critica que -durante o período no que baixou a incidencia de ingresos deste tipo de pacientes nas unidades de críticos- non se fixo ningún esforzo de previsión por parte da Xerencia nin por parte da Dirección de Enfermería, non se formou persoal "e nin sequera se fixeron listados depurados de profesionais que dispoñen desta experiencia, actuando en todo caso de forma sobrevida e sen organización".
"Levamos un ano de pandemia, pouco ou nada tivemos aprendido, para vernos agora nunha situación peor que no marzo do pasado ano", lamentan. Poñen o foco no feito de que o SERGAS fala de trasladar doentes entre hospitais, sen ter en conta que "un paciente crítico atópase nun estado de fraxilidade, polo que os traslados son complexos e requiren de persoal formado".
Diante disto, a CIG-Saúde da Coruña da Consellaría que "deixe de manipular os datos e que recoñeza que o CHUAC está en estado critico e colapsado, agradeza o sobreesforzo que está a realizar o persoal" e, sobre todo, que tome medidas inmediatas para afrontar esta situación.