CIG-Saúde da Coruña denuncia a contratación fraudulenta do SERGAS
A CIG-Saúde participou na acción de protesta que realizaron esta mañá traballadoras e traballadores eventuais para denunciar a contratación fraudulenta do SERGAS, que volve renovar directamente os contratos realizados ao inicio da pandemia sen ter en conta as listas de contratación actuais.
A protesta desenvolveuse nos arredores da rotonda de acceso ao Hospital da Coruña e nela participaron traballadoras e traballadores portando cartaces e coreando cánticos alusivos á contratación fraudulenta, denunciando a elevada precariedade que sofren e na demanda de solucións.
CIG-Saúde leva dende o 29 de abril denunciando o xeito de contratar do SERGAS con criterios unicamente electoralistas e sen respectar as/os traballadoras/es. “As profesionais do SERGAS están nunhas listas de contratación por mérito, igualdade e capacidade, algo que a Feijoo non lle debe de parecer o suficientemente válido, xa que mantén o criterio de saltarse as normas para anunciar na prensa a renovación directa dos contratos que se iniciaron con esta pandemia”.
Critican que o presidente “vende” na prensa que con esta fórmula mantén contratado o mesmo persoal para Covid desde que comezou a pandemia, “mais a realidade é outra”. De feito, persoal con diferentes contratos cubriu tamén ocos para atender os/as pacientes da Covid, “xa que practicamente a totalidade do hospital sufriu os problemas da pandemia”.
Ademais, CIG-Saúde critica que o persoal que foi renovado directamente en maio, foi “utilizado” para cubrir todo tipo de ausencias en calquera unidade, mesmo a días, “podendo estar un día nunha unidade Covid e outro día nunha unidade infantil; co que o único que fai o SERGAS é de novo mentir e usar as profesionais da sanidade como moeda de cambio electoral. Esta contratación é en fraude de lei como ben sabe esta Xerencia”.
CIG-Saúde da Coruña esixiulle o SERGAS a inmediata paralización destes contratos e a oferta posterior por lista de contratación. A negativa por parte da dirección de Recursos Humanos de escoitar as profesionais e de manter un criterio arbitrario para a contratación, “só pode levarnos a apoiar a estas compañeiras e compañeiros en todas as accións reivindicativas que queiran adoptar”.