CIG-Saúde cuestiona a proposta de flexibilidade horaria durante o embarazo no terceiro trimestre

Lémbralle ao conselleiro de Sanidade os dereitos recoñecidos durante o embarazo e pide flexibilización para conciliar
Nacional - 10 Mar 2023

Diante do anuncio realizado onte polo conselleiro de Sanidade, segundo o que vai propor “ás organizacións sindicais, negociar unha regulación da flexibilidade horaria das mulleres embarazadas a partir do seu terceiro trimestre de embarazo” a CIG-Saúde aclara que:

Á espera de coñecer o texto ao que se refire este titular, “custa entender que se utilice o termo de flexibilidade horaria relacionado con terceiro trimestre de embarazo”. Aclara que o que precisan as  mulleres embarazadas é “que se avalíen os seus postos de traballo e que ou ben se fagan as adaptacións de posto que correspondan ou ben se inicie o trámite de solicitude de risco de embarazo a cargo do INSS de forma áxil e inmediata”.

Subliña que as traballadoras da Sanidade, polas particularidades dos seus postos, teñen moi complicada unha adaptación de posto axeitada no terceiro trimestre de embarazo.

Flexibilidade

Respecto da flexibilidade horaria, pregúntase de que está a falar o concelleiro e co que obxecto, porque se é para asistir ás consultas relacionadas co embarazo, “isto xa é un dereito”.

Con todo, aproveitando as palabras do titular, a CIG-Saúde alégrase que a consellería por primeira vez fale no SERGAS de flexibilidade horaria e anima a unha negociación desta para os/as titores/as legais das crianzas, xa que “é necesaria unha flexibilización horaria desde o punto de vista da conciliación”.

Conclúe ademais lembrándolle ao conselleiro que “as mulleres o que queren son dereitos, non agasallos”.