CIG-Saúde cualifica de “tomadura de pelo” a Oferta Pública de Emprego 2018 para o Sergas
CIG-Saúde vén de cualificar a OPE para 2018 do SERGAS de “tomadura de pelo” para o persoal. Denuncia que perpetúa a precariedade laboral ao limitar a oferta de prazas á taxa de reposición e responsabiliza ás organizacións sindicais que negociaron e asinaron este acordo nunha reunión previa á xuntanza da Mesa Sectorial. Fronte a isto exixe unha Oferta de Emprego na que se convoquen todas as prazas vacantes desde 2010 e que abranga a todas as categorías.
Segundo explica a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín a OPE limítase a 1.400 prazas que se convocan atendendo á taxa de reposición ordinaria, a taxa adicional á ordinaria e a taxa de estabilidade. “Tres taxas para semellante despropósito”, lamenta.
Do chamado 100% da taxa ordinaria son 925 prazas, que se corresponden coas prazas das xubilacións producidas no ano 2017; da taxa adicional ordinaria son 75 prazas, das que Abuín sinala que “son das que presume Feijóo por ser o campión do cumprimento do déficit” e da taxa de estabilidade son as 400 restantes.
Estas últimas, explica a secretaria nacional de CIG-Saúde son “segundo o SERGAS e o acordo sindical, prazas para estabilizar ao persoal temporal que a 31 de decembro de 2016 levase máis de 3 anos con vínculos temporais no SERGAS”.
Abuín afirma que á CIG-Saúde “non lle dan as contas porque 400 persoas son as que hai xa nunha soa categoría con contratos de máis de 3 anos”. E isto non é todo, porque segundo a secretaria nacional de CIG-Saúde xa anunciaron que para a OPE de 2019, a taxa de estabilidade do persoal que leva máis de 3 anos con vínculos no SERGAS vai ser de 78 prazas.
Por iso asegura que “diante deste panorama non iamos a entrar no reparto, nin no mercadeo de prazas” e exixe unha vez máis a retirada da taxa de reposición que cualifica de “inxusta” e que entende que “perpetua a precariedade laboral”.
A CIG-Saúde lembra que cando non había taxa de reposición as ofertas de emprego do SERGAS eran para todas as categorías e que daquela a CIG-Saúde si as asinaba. Unha situación que “hoxe queremos recuperar”.
OPES anteriores
María Xosé Abuín chama a atención sobre o número de prazas ofertadas na OPE de 2006, un total de 3.164 prazas e sobre as convocadas en 2009, que foron un total de 2.911. “Naqueles anos as xubilacións no SERGAS eran inferiores ás producidas no período 2010-2017 e, polo tanto, había un menor número de vacantes”, subliña.