CIG-Saúde convoca tres novas xornadas de folga na Atención Primaria os días 26 de marzo e 9 e 23 de abril
A CIG-Saúde anuncia a convocatoria de tres novas xornadas de folga na Atención Primaria os vindeiros 26 de marzo, 9 de abril e 23 de abril, diante da falta de respostas da Consellaría de Sanidade e da súa negativa reiterada a abrir un proceso real de negociación.
A central sindical denuncia que, malia as mobilizacións e a folga do pasado 12 de marzo, a Consellaría mantivo unha actitude de bloqueo do diálogo, negándose mesmo a reunirse co comité de folga.
Porén, unha vez comunicadas estas novas xornadas de folga, a Consellaría de Sanidade reaccionou convocando o comité de folga para o día 20 de marzo. Un movemento que, para a secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón, evidencia “que só ante a presión e a intensificación do conflito a administración dá pasos, despois de terse negado a facelo na anterior convocatoria”.
A CIG-Saúde sinalan que esta reacción tardía confirma a necesidade de manter e reforzar as mobilizacións, “xa que sen presión non hai vontade real de negociación por parte da Consellaría”.
A organización sindical lembra que a Atención Primaria continúa nunha situación límite, con profesionais sometidos a unha sobrecarga asistencial extrema, falta estrutural de persoal e un exceso de burocracia que impide desenvolver unha atención de calidade.
“Esta realidade non só afecta ás condicións laborais, senón que repercute directamente na atención á cidadanía e no funcionamento do conxunto do sistema sanitario público”, advirte Lestón.
Salienta que a CIG-Saúde leva tempo reclamando medidas urxentes e estruturais, entre as que destaca:
- A limitación das axendas para garantir unha atención segura e de calidade.
- O incremento inmediato de persoal en todas as categorías.
- A eliminación de tarefas burocráticas innecesarias.
- O establecemento de ratios axeitadas de profesionais.
- Unha planificación real que permita garantir o funcionamento dos centros de saúde e dos PAC.
Valor Lestón que a folga do pasado 12 de marzo puxo de manifesto o profundo malestar existente na Atención Primaria, sen que até o momento se produciran avances reais por parte da administración.
Por este motivo, a central sindical considera imprescindíbel intensificar as mobilizacións co obxectivo de obrigar a Consellaría de Sanidade a adoptar solucións reais que garantan o futuro da Atención Primaria pública. “Porque esta loita non é só laboral, senón tamén social, xa que a deterioración da Atención Primaria afecta directamente ao conxunto da cidadanía”, incide a secretaria nacional.
Neste sentido, a CIG fai un chamamento á sociedade galega para que apoie estas mobilizacións en defensa dunha sanidade pública, accesíbel e de calidade.
Finalmente, CIG-Saúde reitera a súa disposición ao diálogo, pero advirte de que, mentres a Consellaría continúe sen dar respostas nin asumir compromisos reais, as mobilizacións continuarán.