CIG-Saúde convoca mobilizacións en defensa da carreira profesional do persoal do Sergas
A CIG-Saúde ten convocadas mobilizacións os días 5, 12, 19 e 26 de abril en todas as áreas sanitarias galegas para exixir do SERGAS un cambio na negociación da carreira profesional e que esta recoñeza o desempeño do traballo profesional, tal e como foi concibida, e non que se converta nunha penalización retributiva tal e como se establece no documento que presentou a administración sanitaria na Mesa sectorial. Por iso fai un chamamento a todo o persoal a sumarse aos distintos actos de protesta previstos porque “non podemos consentir unha nova agresión aos nosos dereitos e condicións laborais”.
A carreira profesional está recollida na Lei de Ordenación das Profesións sanitarias e no Estatuto Marco do Persoal dos Servizos de Saúde como un recoñecemento progresivo que acada a/o profesional pola súa preparación, pola súa dedicación, pola innovación e polas responsabilidades e compromisos coa organización adquiridas ao longo da súa vida profesional.
Porén, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, denuncia que o SERGAS está a presentar un documento de carreira profesional baseado nunha serie de obstáculos que impiden que o persoal poida progresar nos niveis de carreira e, ademais, agocha cales van ser os valores e contías retributivas destes graos. “Presenta ademais un modelo de carreira que discrimina xa que recoñece este dereito só ao persoal fixo deixando fóra o persoal temporal, cando o Estatuto Marco establece que a carreira profesional é unha retribución complementaria para todo o persoal”, afirma.
Xunto a isto denuncia que tamén quedará fóra da carreira profesional todo o persoal fixo que se incorporou ao SERGAS nos procesos selectivos convocados a partir de 2012, xa que exixe unha antigüidade mínima de 5 anos como persoal fixo dos cales 3 teñen que ser servizos prestados no SERGAS e a incorporación efectiva deste persoal, isto é a toma de posesión da súa praza, non se produciu até o ano 2017. “Este sistema vai ser especialmente lesivo co persoal para o que o SERGAS non convocou proceso selectivo, porque o último foi no 2009 co bipartito. Estamos a falar dos grupos con menores retribucións: celadores/as, persoal de hostalería ou mantemento, entre outros”.
Tamén impide, segundo a secretaria nacional da CIG-Saúde que o persoal que reúna os requisitos de antigüidade e a súa avaliación sexa positiva poida acceder ao grao de carreira que lle corresponde, permitindo só a incorporación nun réxime extraordinario a un só grao. “Esta incorporación a un só grao é froito do acordo asinado pola administración coas organizacións sindicais que no seu momento romperon a plataforma sindical e se descolgaron da folga que tiñamos convocada conxuntamente”.
A este respecto subliña que CIG-Saúde foi a única organización da mesa sectorial que non asinou este acordo e mantivo a folga do 2 e 3 de novembro de 2017 “por sermos conscientes de que a proposta da administración sobre carreira profesional era lesiva para as traballadoras e traballadores do SERGAS”. Un modelo que “non contempla ese recoñecemento ao desempeño profesional e só é un novo recorte retributivo e unha nova penalización das condicións laborais e salariais do persoal do SERGAS”.
Fronte a isto Abuín lembra que a lei establece que “a carreira profesional se debe estruturar en catro graos retribuídos nos que se avanza progresivamente tendo en conta unha avaliación individualizada dos méritos das e dos profesionais que se teñen que basear na actividade asistencial, a mellora da competencia, a formación continuada, a docencia, a investigación e o compromiso coa organización”.
LUGARES E HORAS
A CORUÑA: 11:00 h na rotonda do HUAC A MARIÑA: 12:00 h no Hospital da Costa BARBANZA: 12:00 h no Hospital do Barbanza CEE: 12:00 h no Hospital Virxe da Xunqueira FERROL: 11:00 h no Hospital Arquitecto Marcide LUGO: 11:15 h na entrada do HULA O BARCO: 13:30 h na entrada do HCV OURENSE: 11:00 h porta principal do CHUO PONTEVEDRA: * Hospital Provincial: 11:30 h * Hospital Montecelo: 11:30 h VIGO: * Hospital Álvaro Cunqueiro: 11:30 h * Hospital Meixoeiro: 14:00 h MONFORTE: 12:00 h no Hospital de Monforte SANTIAGO: * Hospital Clínico: 12:00 h * Hospital Provincial: 13:30 h |