CIG-Saúde continúa o calendario de mobilizacións en defensa dun modelo de carreira profesional xusto
A CIG-Saúde continuou hoxe co intenso calendario de mobilizacións a desenvolver durante o proceso de negociación do acordo de Carreira Profesional, con concentracións nas distintas áreas sanitarias en rexeitamento á "inaceptábel proposta" presentada SERGAS e na defensa dun modelo de carreira profesional xusto.
O pasado venres, explica a CIG-Saúde, o SERGAS trasladou o que xa é o cuarto borrador parcial para o desenvolvemento da carreira profesional que inclúe unha importante rectificación con respecto á exixencia de 3 anos como persoal fixo, que figuraba no anterior borrador, e que penalizaba sen acceso ao réxime a todo o persoal das categorías de Médica/o de Familia e Enfermeira/o que tomaron posesión en marzo de 2017 e de Matrona/ón, Logopedia, Fisioterapia, Terapia ocupacional, TCAEs e Técnicos superiores que tomaron posesión en maio de 2017, e que polo tanto non tiveran cumprido o requisito de 3 anos como persoal estatutario fixo.
Porén, matizan dende CIG-Saúde, a última proposta non rectifica noutras cuestións igualmente importantes, pois non avanza un só paso no recoñecemento profesional a través da longamente suspendida Carreira Profesional, "xa que segue sen permitírsenos ás e aos profesionais o acceso ao grado de carreira alcanzábel polos anos de servizos prestados".
Penalización do persoal temporal
Pero sobre todo, subliñan, "non avanza no recoñecemento de centos de profesionais temporais, nos que descansa unha parte moi significativa do servizo sanitario público, e que levan soportando anos de temporalidade, de contratación precaria e abusiva, sen oportunidade de acadar a condición de persoal fixo debido, nalgunhas categorías, ás exiguas ofertas de emprego, e noutras (persoal de hostalaría, persoal de mantemento) a carencia total de oferta de prazas dende o ano 2009".
Segundo o modelo presentado polo SERGAS, o persoal temporal queda totalmente excluído do acceso á Carreira polo “sistema de encadre”, o que vén significar que fica excluído do acceso a retribución por este concepto. "É máis, coa proposta do SERGAS, dentro do persoal temporal, só se lle permitirá o acceso a un denominado “grao inicial”, non retribuído, ao persoal interino, mentres que o eventual, nin se menciona", denuncia CIG-Saúde.
Así mesmo, a Federación de Saúde da CIG insta o SERGAS aclare dunha vez cal vai ser o valor dos graos para cada colectivo.
O calendario de mobilizacións previsto pola CIG-Saúde continuará o xove 19 e o xoves 26 de abril.