CIG-Saúde consolídase como primeira forza cun histórico resultado nas eleccións sindicais no SERGAS
A CIG-Saúde, que vén de reforzar a súa posición como primeira forza nas eleccións sindicais celebradas este xoves no SERGAS, pasando de 66 a 68 delegadas e delegados, agradece o apoio recibido das traballadoras e traballadores do SERGAS nas eleccións sindicais do 11 de maio de 2023. Un resultado histórico co que a central sindical consolida a súa hexemonía na Mesa Sectorial.
CIG-Saúde valora moi positivamente os resultados das eleccións sindicais que se celebraron onte e considera que son consecuencia do traballo desenvolvido durante estes anos.
Agradece o apoio recibido das traballadoras e traballadores e considera que este resultado non fai máis que reforzar o compromiso de continuar coidando xuntas a sanidade pública. “Defender os dereitos do persoal é o primeiro paso para coidar a sanidade pública”, afirma o seu secretario nacional, Manuel Moreira.
Neste sentido adianta que nos próximos catro anos “teremos que dar resposta a unha verdadeira crise sanitaria como consecuencia das políticas sanitarias do Partido Popular”. Por iso, comprométese, máis unha vez, a seguir traballando por unha solución global para toda a Atención Primaria, “no marco do modelo que levamos anos defendendo, para o que esixiremos ao Presidente da Xunta e ao Conselleiro de Sanidade que asuman as súas responsabilidades diante do fracaso das políticas que nos trouxeron a esta situación”.
CIG-Saúde tamén se compromete a esixir da Consellería de Sanidade a análise das rateos de persoal en Atención Hospitalaria e a dotación do cadro de persoal necesario, de todas as categorías e especialidades, que permita atender con calidade ás necesidades dos pacientes.
Por todo isto, a CIG-Saúde avoga por un sindicalismo forte que defenda “non só os dereitos das traballadoras e traballadores, senón tamén os intereses das galegas e galegos” e, para iso, comprométese a seguir combatendo a precariedade, as taxas de reposición, os recortes impostos polo PP e a súa política de privatizacións. Unha loita que, di, “continuará agora co respaldo reforzado do persoal, ao que agradece que teña depositado novamente a súa confianza na organización sindical”.