CIG-Saúde considera insultantes os datos de participación na folga do 17N difundidos polo SERGAS
A CIG-Saúde da Mariña cifra nun 80% a participación do persoal da sanidade da comarca na folga do mércores 17 e cualifica de insultante a cifra de participación difundida polo SERGAS. A central considera que os datos feitos públicos pola Consellaría "están totalmente pervertidos e falseados, nada teñen que ver coa realidade e van contra a dignidade de todas e todos os traballadores da sanidade da comarca" que o pasado mércores secundaron e participaron na folga xeral convocada na Mariña.
Neste senso, a CIG-Saúde da Mariña denuncia unha vez máis que os servizos mínimos decretados polo SERGAS foron totalmente abusivos, ao decretar unha actividade superior a que se presta calquera domingo ou festivo. "Os mínimos teñen que ser aqueles que garanten a atención urxente, pero nesta folga vimos como o SERGAS impuña mínimos a profesionais do hospital que traballan nas consultas externas, no servizo de rehabilitación, en hospital a domicilio, no hospital de día, nas áreas administrativas, así como en todos ss servizos que nun domingo ou festivo permanecen pechados", valoran.
Ademais, enganden que "nos atopamos con que nas plantas, na cociña ou en urxencias hospitalarias todo o cadro de persoal estaba obrigado a traballar pola imposición do SERGAS". Do mesmo xeito, a administración decretou servizos mínimos nos centros de saúde até ás odontólogas, impedindo a participación da inmensa maioría das e dos profesionais na folga, "co ánimo de dar unha imaxe falseada de contento e de satisfacción do persoal da sanidade da comarca".
Con todo isto e a pesar dos esforzos do SERGAS para que todo transcorrese con normalidade, moitas e moitos profesionais que non asinaran mínimos de todas as categorías e tanto do hospital como dos centros de saúde, non acudiron a traballar e no hospital houbo que suspender actividades nas consultas, en hospital a domicilio, en fisioterapia e na área cirúrxica. "Tamén fomos testemuñas de que a inmensa maioría de profesionais nomeados/as como servizos mínimos portaban no seu uniforme un adhesivo coa consigna 'estou en folga' mentres, nos centros de saúde, moitos dos profesionais obrigados a ir traballar só atendían urxencias".
Esta resposta do persoal contrasta cos datos de participación facilitados polo SERGAS que buscan rebaixar o seguimento da folga e dar imaxe de normalidade. "Pero os traballadores e as traballadoras da sanidade da Mariña atópanse fartos e fartas do trato recibido polos seus dirixentes e o SERGAS, con esta actitude, só provoca o crecemento da súa fartura", advirten.
Por iso, CIG-Saúde reclámalle ao Goberno galego menos propaganda, menos apoios hipócritas ás reivindicacións da comarca e máis recursos e autonomía para garantir condicións de traballo dignas e unha sanidade pública universal e de proximidade para todos os mariñás e as mariñás. Mais para iso é preciso que se cumpra cunha das demandas desta folga comarcal: que a Mariña recupere a súa área sanitaria.