CIG-Saúde considera “indecente” que Rueda negocie cos lobbys médicos o complemento específico para favorecer á sanidade privada
CIG-Saúde considera indecente que Rueda negocie cos lobbys médicos un incremento salarial para as e os facultativos que ademais de traballar na sanidade pública, traballan na sanidade privada, facendo extensivo a este persoal un complemento específico que “só retribúe a dedicación exclusiva as médicas e médicos que traballan unicamente no SERGAS”.
Así o manifestou o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, esta mañá en rolda de prensa advertindo, ademais, que isto suporá un gasto de “un millón de euros ao mes, de cartos de todas as galegas e galegos que terían que destinarse a financiar a nosa sanidade pública”, mais que, logo desta decisión, vanse destinar a “favorecer os interese da sanidade privada”. Cartos cos que, dixo, “poderiamos reforzar os cadros de persoal, reducir listas de agarda e mellorar a calidade asistencial que prestamos nos centros de atención sanitaria”.
Para Moreira resulta escandaloso tamén que “Rueda negocie cunha organización sindical que nin sequera se presentou ás eleccións sindicais e que non respecte os órganos de negociación onde están as e os representantes de todo o persoal da sanidade pública”.
Complemento específico
O secretario nacional de CIG-Saúde considerou que a dedicación exclusiva é boa para o sistema sanitario público e debe ser mantida e potenciada como unha forma de retribuír aos profesionais que opten por ela, polo seu compromiso de só traballar na sanidade publica.
Advertiu ademais dos posibles conflitos de intereses que se poden derivar e subliñou que a esixencia da dedicación exclusiva debe ser un requisito para acceder a postos de xefatura e coordinación nos servizos sanitarios públicos.
Neste sentido, puxo como exemplo as empresas que, precisamente para evitar ese conflito de intereses, contemplan a incompatibilidade do seu persoal para traballar tamén noutras. Unha medida legal que recolle o artigo 21 do Estatuto dos Traballadores, que fala do “pacto de non concorrencia”, “que impide que unha persoa traballe para outras empresas, en base ao principio de evitar a competencia desleal, e que ten todo o amparo constitucional xa que non se considera discriminatoria a diferenza salarial asociada a esa condición contractual”, explicou.
En todo caso, a CIG-Saúde subliña que a dedicación exclusiva das profesionais da sanidade pública, debe retribuírse adecuadamente. “Facilita que as médicas e médicos do sistema sanitario público dispoñan de máis tempo para a súa actualización profesional e, sobre todo, permite evitar o potencial conflito de intereses que se orixina cando unha médica ou médico da sanidade pública traballe tamén na sanidade privada”. Conflito de intereses que, reiterou, “é especialmente evidente cando falamos de postos de xefaturas”.
Moreira concluíu anunciando que a CIG-Saúde levará este asunto á mesa sectorial prevista para setembro e advertindo que este “non é un tema pacífico, é unha agresión máis á sanidade pública”.