CIG-Saúde Compostela pídelle ao conselleiro de Sanidade que depure responsabilidades polo abandono do Hospital Gil Casares
A CIG-Saúde de Compostela-Barbanza remitiulle un escrito ao conselleiro de Sanidade para solicitar a súa intervención ante a situación de deterioro continuado do Hospital Gil Casares e, nomeadamente, polo abandono absoluto no que se atopa a unidade de psiquiatría. A central nacionalista reclámalle á consellaría que depure todas as responsabilidades polo peche deste servizo, a falta de planificación e a negativa reiterada da Xerencia a facilitar información á representación legal dos e das traballadoras.
Neste sentido, demandan o cese inmediato de Eloína Núñez pola súa incapacidade para xestionar o servizo de Saúde Mental da área sanitaria e garantir a calidade asistencial; polo seu deixamento manifesto de funcións; e pola falta de vixilancia na prevención de riscos que compromete a seguridade tanto dos traballadores e das traballadoras, como das persoas usuarias, tal e como se evidenciou nestas últimas semanas cos dous desprendementos do falso teito.
A CIG-Saúde lembra que as deficiencias estruturais do edificio e a falta de persoal foron advertidas en numerosas ocasións polos delegados e delegadas de prevención, sen que dende a Xerencia de Xestión se adoptara ningún tipo de medida correctora. Ademais hai unha continua omisión ás solicitudes de información feitas pola CIG, aínda cando se producen cambios substanciais das condicións de traballo que repercuten na asistencia que se presta e nas condicións laborais.
Pero é que a Xerencia nin sequera atendeu os requirimentos efectuados pola Inspección de Traballo sobre as constantes agresións que sufre o persoal destinado nas unidades de Psiquiatría. De feito, a representación da CIG tivo que acudir aos servizos centrais de Prevención de Riscos Laborais ante a pasividade da Xerencia na resolución desta problemática.
Agora, o exemplo máis evidente da incapacidade da Xerencia e a dirección da área sanitaria atópase no peche, cando menos até setembro, da unidade de agudos de psiquiatría, o que obrigou a dar altas prematuras e ao traslado forzoso de oito doentes a centros privados. A este punto chégase porque, a pesar de coñecer o mal estado das infraestruturas do hospital e de estar xa en marcha obras de mantemento, non se fixo a planificación e avaliación adecuada nin se habilitou ningunha instalación alternativa para acoller os e as doentes, en caso de necesitalo.
Diante desta acumulación de despropósitos, que se suma a un longo historial de denuncias contra a xestión de Núñez, a CIG-Saúde reclámalle ao conselleiro de Sanidade, como máximo responsábel da rede pública galega, que vele para que non exista "un incumprimento da Xerencia nas súas obrigas, e que a Dirección Asistencial da Área Sanitaria programe, dirixa e controle a execución da actividade asistencial e o seu seguimento, e non avale a prioridade do aforro na xestión".
E neste sentido solicítanlle que actúe "con feitos e sen demora", depurando responsabilidades e garantindo os dereitos dos e das profesionais e das persoas usuarias.