CIG-Saúde Compostela e Barbanza critica as restricións recollidas nas instrucións das vacacións

Denuncia que se están vulnerando os dereitos das traballadoras e traballadores
Santiago de Compostela - 08 Abr 2026

A CIG-Saúde de Compostela e Barbanza denuncia que a falta de planificación e negociación da xerencia provoca que se incumpran “ano tras ano dereitos das traballadoras e traballadores” e dificulta a conciliación da vida familiar e laboral.

Este mes de abril a xerencia da área sanitaria de Compostela e Barbanza presentou o documento definitivo de instrucións de vacacións, “que cada ano coarta máis a liberdade de goce de destas”.  Así, a CIG-Saúde critica que cada vez se permiten menos saídas de persoas traballadoras das unidades, convertendo en costume que “practicamente sexa a propia xerencia a que decida cando o persoal pode gozar os permisos de vacacións e días de libre disposición”.

A falta de planificación de cobertura, xunto coa estabilización do cadro de persoal, e a ausencia de plans de formación en determinados servizos fai que se coarten estes dereitos fundamentais. “Atopámonos así con situacións de que só poderá gozar das vacacións un 25% do persoal do hospital que se atope de quenda”, apuntan.

Na instrución inclúense os meses de decembro e a segunda quincena de xuño como períodos ordinarios, dificultando máis a solicitude de días neses períodos, tendo en conta ademais que no calendario rotacional se inclúe o mes completo de xuño non facendo distincións.

A CIG-Saúde chama a atención na “falta total e absoluta” de planificación co persoal do Hospital Provincial de Conxo “e o máis que previsíbel peche de unidades, como se fai todos os anos”, obrigando a este persoal a unha alteración radical na súa conciliación.

Ademais, sinalan, xa se dá por descontado “que non vai haber ningunha cobertura co persoal de Atención Primaria, priorizando a intersubstitución como forma de cobertura, no mellor dos casos, o que obriga a unha precariedade nos centros de xeito continua, e a asumir o labor das persoas ausentes por quen permanece no centro”. Unha sobrecarga agravada pola maior actividade asistencial que rexistran moitos centros derivada do incremento de poboación no período estival e que vai en detrimento da calidade na atención e da seguridade.

Diante disto, a CIG-Saúde de Compostela e Barbanza solicita unha negociación real das instrucións de vacacións e non “simulacros de negociación”, nos que a dirección se limita a comentar que non aceptará ningunha alegación porque as posturas “están moi afastadas”. Para a CIG-Saúde esta actitude “só evidencia o fracaso da xestión dos recursos humanos, ao longo de moitos anos, desta Área Sanitaria e o traslado das consecuencias ao conxunto das persoas traballadoras”.

Critican que esta incompetencia reiterada na xestión “provoca vulneracións dos dereitos laborais fundamentais, da seguridade e saúde nos postos de traballo e deixa as persoas traballadoras na primeira liña de tiro”.