• Nova

CIG-Saúde Compostela denuncia o peche de 91 camas no CHUS polo verán

Non se cobren as vacacións do persoal, hai unha autocobertura entre as e os profesionais
Compostela - 24 Xun 2021

CIG-Saúde de Compostela denuncia o peche de 91 camas e a falta de información e transparencia na xestión. Lembra que a Xerencia ten a obriga de dar información sobre o peche total ou parcial das instalacións, organización e métodos de traballo á representación legal das traballadoras e traballadores.

Este verán vaise producir o peche de 91 camas, das que 73 corresponden ao Hospital médico cirúrxico de Conxo e 18 ao hospital Clínico, seguindo a seguinte cronoloxía:

-Do 16 de xullo ao 16 de setembro : 18 camas na planta 1ª B do clínico que afecta a lactantes e cirurxía pediátrica e 45 camas na planta 1ªD de Conxo afectando a cirurxía xeral, oftalmoloxía, dermatoloxía e uroloxía.

-Do 16 de Xullo ao 1 de setembro 5 camas afectando a UCI de Conxo.

-Do 1 de agosto ao 1 de setembro 23 camas afectando a planta 0 hospitalización de Conxo Traumatoloxía.

A CIG-Saúde afirma que non foi informada do peche “de quirófanos, probas diagnósticas ou consultas, tal e como o levan facendo en anos anteriores”, nin de que criterios organizativos vai utilizar a Xerencia para ofertarlle outros postos de traballo aos profesionais aos que lle pechan as unidades.

Segundo explica Xosé Manuel Marcote “sabemos polos profesionais que foron avisados do peche de camas despois de ter as súas vacacións pedidas en tempo e forma e organizada a súa vida familiar. “Agora co peche estánselles a ofertar diferentes sitios que a Xerencia considera, mesmo no caso dos PACs con carteleiras sobrecargadas de gardas con ocos soltos, en diferentes PACs”.

Denuncia ademais que desde a Dirección “só se está a cubrir os días que consideran de cobertura imprescindible deixando cupos e axendas a cargo do resto de profesionais do centro e facendo autocobertura, que non fai máis que seguir sobrecargando ao persoal e dificultar o acceso ás prestacións e favorecer o aumento da lista de espera”.

Aumento das listas de agarda

As plantas de hospitalización afectadas correspóndense con plantas de cirurxía que conviven cunha lista de agarda que segue en aumento debido a situación pandémica. A este respecto Marcote asegura que “non se están a adoptar as medidas organizativas axeitadas que permitan garantir a máxima actividade cirúrxica, todo relacionado cunha falta de profesionais das diferentes categorías e ante a que a xerencia mostra pasividade á hora de adoptar as medidas necesarias para asegurar unha prestación sanitaria de calidade. Coa Covid evidenciouse a necesidade de fortalecer o cadro de persoal de profesionais da área sanitaria, construír un cadro de persoal estable e suficiente adaptado ás necesidades asistenciais da poboación”.

Como exemplo pon a diminución do persoal de cirurxía pediátrica que antes eran 5 e agora son 3 quedando só 2 profesionais en período estival, e a carencia de contratación de PSX( persoal servizos xerais non centro de saúde) aínda existindo persoal dispoñible na lista de contratación.

Denegación de días libres e vacacións

A CIG-Saúde Compostela denuncia tamén que a Xerencia denega días libres e vacacións, ponlle trabas para que as traballadoras e  traballadores poidan gozar dun dereito fundamental como son as vacacións, acolléndose á obrigación de atender a todas as doentes. “Isto demostra a falta de planificación e que os propios profesionais resolven facendo coberturas entre eles sen poder gozar dos descansos obrigatorios recollidos na normativa vixente. Un deterioro sanitario que ven de lonxe e que nunca se cuestionou en profundidade o problema estrutural do sistema sanitario”.