CIG-Saúde Compostela denuncia o deterioro do Servizo de Radioloxía do Hospital Clínico
Este deterioro dáse, apuntan, porque as persoas responsábeis do mesmo “non xestionan as coberturas das xubilacións, IT, etc., con contratos continuos e estábeis, é dicir, con interinidades e contratos nominais”. Isto supón, entre outras consecuencias, unha carencia na formación destes traballadores e traballadoras, “que os limita para garantiren a seguridade e calidade das prestacións sanitarias dispensadas, de xeito que eviten ao mesmo tempo riscos innecesarios aos/ás usuarios/as e/ou se reduzan, ao mínimo, os inevitábeis”.
O Servizo de Radiodiagnóstico é un servizo básico e polo tanto clave para o funcionamento do resto de servizos. Mais a CIG-Saúde considera que nestes últimos anos vive inmerso nun “caos absoluto” derivado dunha carga asistencial extrema, “onde non importa a calidade, senón a cantidade”.
Denuncian tamén que non se valora nin a experiencia, nin a especialización, nin o esforzo dos/as profesionais, “que se senten ninguneados e maltratados, chegando os seus responsábeis ó extremo de ‘convidaren’ o persoal da listaxe de contratacións, a rexeitar contratos se descoñecen o funcionamento dun determinado equipo. Así no canto de formalos, ameázanos con sancionalos”.
Por todo isto, dende CIG-Saúde solicítase:
1. - Que a autoridade competente estabeleza un sistema de auditoría que permita determinar se o programa de garantía de calidade se adecúa aos obxectivos previstos para cumprir coas disposicións regulamentarias que lle sexan de aplicación, e coñecer se está implantada de forma efectiva, a efectos desta certificación. E dicir:
-Descrición dos recursos humanos e materiais necesarios para realizar os procedementos.
-Responsabilidades e obrigacións das persoas que traballan na unidade ou con equiposadscritos á mesma, especificando o seu nivel de responsabilidade e autoridade.
-Programas de formación para a utilización dos distintos equipos, de protección radiolóxica, de formación continuada e para o caso especial, do uso clínico de novas técnicas, ...
2.- Informe das xestións, repercusións e aproveitamento dos Orzamentos da Xunta de Galiza de 2015 para esta Xerencia, xa que ditos orzamentos recollían que, o "obxectivo do SERGAS era xestionar os recursos de forma rigorosa e eficiente”, e a súa pretensión era:
-Reforzar os actuais servizos de radioloxía.
-Mellorar a calidade para doentes e profesionais: formación de radiólogos e técnicos especialistas en radiodiagnóstico.