CIG-Saúde Compostela denuncia o “colapso total” do servizo de Urxencias do Clínico
Aseguran que ata as 24:00 horas do xoves 11 de febreiro foron vistos un total de 355 doentes, dos que quedaron pendentes de ingreso nas unidades 23. Sinala que o resto das salas tamén estabán ateigadas de doentes e que en Observación había 49; na de monitorización 8 e nos boxes, 20. A isto engaden que había 13 doentes na ‘sala de sillóns’ e 4 máis na de curas “para unha soa enfermeira” e que no filtro había unicamente un enfermeiro.
Denuncian que esta foi a situación que se viviu durante toda a xornada, que hai unha evidente falta de recursos humanos e que o mesmo que ocorre no CHUS estase producindo tamén, de forma semellante, no Hospital do Barbanza.
Xavier Alvedro, da CIG-Saúde de Compostela explica que se as plantas non asumen as altas que proceden de urxencias, a primeira sala que se colapsa é a de Observación, onde están as e os doentes agardando a que haxa cama en hospitalización. “Ese sitio ten 49 ocos e se está totalmente ocupado provoca unha reacción en cadea, porque a seguinte sala que se colapsa é a dos boxes, que é onde se fan as técnicas de enfermería. Aí só hai 20 ocos e onte estaban totalmente cheos”.
Alvedro explica que ao saturarse esas salas comezan a ubicarse as e os doentes nos corredores porque non xa non hai onde ubicar ás/aos doentes.
Segundo a CIG-Saúde de Compostela o problema é que as plantas non teñen ocos para meter esta xente e que o persoal de urxencias está sobresaturado de traballo pola carga asistencial que teñen. Isto provoca que “ os acompañantes se boten enriba do persoal porque as persoas coas que están non son atendidas en tempo pola cantidade de xente que hai”. A modo de exemplo Alvedro sinala que hai persoas de máis de 80 anos agardando en cadeiras de rodas até dúas e tres horas e persoas formando ringleira nos corredores.
Para Alvedro a mala planificación faise patente cando malia esta situación “hai unidades dentro do hospital que permanecen pechadas a estas alturas”. Explica que antes a unidade de reanimación, que ten 15 camas, estaba ubicada nunha zona e foi trasladada agora a outra e ese oco antigo quedou pechado. O que demanda a CIG-Saúde é que se abra para que, por exemplo, “toda a vaga de doentes afectados pola Gripe A e as/os seus acompañantes estiveran alí e deixaran libre o servizo de urxencias como forma de drenar”.
Xestión deficiente e falta de persoal
A CIG-Saúde de Compostela denuncia que hai problemas na Xestión porque non se cobre con persoal suficiente malia terse solicitado por activa e por pasiva. “O único que se fai é trasladar o persoal dun oco para outro e non dan feito contratacións para facer fronte a toda a carga asistencial que hai. Este problema expúxoselle á Xerencia en determinadas ocasións e segue sen solución”.
O representante da CIG-Saúde atribúe esta situación á política de recortes imposta pola consellaría de Sanidade. Para ilustralo Alvedro explica que no Barbanza “estase mandando á xente para casa por non haber ocos dispoñíbeis nas habitacións e no canto de facer un ingreso hospitalario estano facendo a domicilio”.
Alvedro denuncia que “isto xa se vía vir e a Xerencia, que para iso xestiona é quen ten que tomar as medidas oportunas para que non pase”. Medidas que, entre outras, pasan por abrir calquera oco dispoñíbel nunhas mínimas condicións, para que a xente, doentes e familiares, poidan estar alí. “Antes abríanse as camas de Medicina Interna do Gil Casares, que aínda se reabriron hai un mes e medio porque non quedou máis remedio e Neumoloxía, tamén do Gil, abriu hai escasamente un mes”.