CIG-Saúde Compostela denuncia á Xerencia do CHUS na fiscalía por falta de medidas preventivas en Anatomía Patolóxica

Denuncia tamén a ausencia de medidas de seguridade no conxunto de centros hospitalario
Compostela - 06 Abr 2022

Persoal do Hospital Clínico de Santiago mobilizouse esta mañá para reclamar medidas de seguridade nos postos de traballo. Unha situación que a CIG-Saúde de Compostela ten denunciado de forma reiterada na Inspección de Traballo e que a Xerencia non resolveu. Ademais, representantes da central sindical anunciaron a presentación dunha denuncia perante a Fiscalía, tamén contra a Xerencia, pola situación especialmente grave que afecta á área de Anatomía Patolóxica.

Segundo explicou ao inicio da mobilización Francisco Alvedro, delegado de prevención da CIG, fíxose unha avaliación de riscos en Anatomía Patolóxica o pasado 3 de decembro, valorando a exposición a axentes biolóxicos por picaduras, corte, salpicadura con fluídos biolóxicos e inhalación de aerosois durante as autopsias.

O que se detectou, segundo Alvedro foi que “se carece de protección respiratoria (EPI) ou que a serra Autopsy Saw Type carece de sistema de aspiración” e que, froito das carencias preventivas, a avaliación de risco “pon de manifesto que estamos diante dun risco importante con consecuencias extremadamente danosas”.

A este respecto lembrou que a guía de avaliación de riscos da Xunta de Galiza indica que ante un risco importante “non comezar o traballo até reducir o risco”, malia o que, a día de hoxe, séguese traballando a pesar de haber unha avaliación “cun resultado tan contundente”.

Avaliación

Nese sentido sinalou que xa en anos anteriores a avaliación de riscos deu as mesmas carencias e a mesma valoración de risco, sen que se tivera feito nada para palialo. Apuntou por iso que existen varios informes específicos de exposición a axentes químicos, concretamente no referido á Área de Tallado e Autopsias de Anatomía Patolóxica de abril de 2021, na que se analizou algún produto químico como o formaldehido que ten, entre outras indicacións de perigo, a toxicidade oral e en contacto coa pel; irritación ou corrosión cutáneas, provocando graves queimaduras na pel e lesións oculares graves; reaccións alérxicas; irritación das vías respiratorias e mesmo carcinoxenicidade.

Alvedro explicou que nesa avaliación fixéronse medicións en varias zonas da instalación coa conclusión de “indeterminación” que non se volveron repetir, “malia estar diante dun produto tan perigoso para a integridade física e ter unha zona, autopsias, que si conclúe a medición como inaceptable”.

Subliñou que na avaliación indícanse medidas preventivas que teñen que ver con todas as partes da instalación que foron medidas, “facendo fincapé nas medidas de prevención contra o formaldehido, polo seu carácter canceríxeno e, xa que logo, mortal”.

Apuntou, por iso, que no art.316 do Código Penal recóllese que “os que con infracción das normas de prevención de riscos laborais e estando formalmente obrigados, non faciliten os medios necesarios para que os traballadores desempeñen a súa actividade coas medidas de seguridade e hixiene axeitadas, de forma que poñan así en grave perigo a súa vida, saúde ou integridade física, serán castigados coas penas de prisión de seis meses a tres anos e multa de seis a doce meses”.

Un tipo penal que entende que encaixa na conduta das persoas obrigadas a garantir a seguridade na Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, polo que, na denuncia perante á fiscalía, se sinala á xerenta da Área Sanitaria Compostela-Barbanza, Eloína Núñez; á Directora de Recursos Humanos, Celia María Saiz; a Subdirectora de Recursos Humanos Alvarita García; a Directora de Recursos Económicos, María José López e a Xefa de Servizo de Medicina Preventiva, Cristina Fernández.

Problemas preventivos en todos os centros hospitalarios do CHUS

Foi Irene Tato, delegada de prevención da CIG, quen denunciou as deficiencias en materia de seguridade que se dan no conxunto dos centros hospitalarios e que xa se teñen comunicado en reiteradas ocasións na Inspección de Traballo, desde falta de vestiarios e taquillas para o persoal, o que ocasiona masificación, que o persoal se cambie nos baños comúns das unidades ou que busquen, improvisando, novos espazos.

Problemas que se dan tamén pola falta de estrutura, organización e protocolos no servizo de lencería; pola falta de uniformidade ou pola carencia do plan de autoprotección no Hospital de Conxo tras un incendio xurdido hai case dous anos e polo que continúan esperando.

Isto xunto coa falta de medidas preventivas e estruturais nos servizos da UCI-A, Urxencias de pediatría e Urxencias de adultos do Hospital Clínico. Unha situación respecto da que explicou que “non se poden respectar espazos axeitados de separación de zonas sucias e limpas, coa ausencia de plans funcionais e aplicando protocolos cambiantes que dificultan a actividade asistencial e entrañan riscos ante a dificultade de manter unha continuidade asistencial”.

Violencia contra o persoal

Porén, onde fixo máis fincapé foi na falta de medidas, por parte da Xerencia, ante o alto nivel de situacións de violencia que sofren as traballadoras e traballadores do Hospital Psiquiátrico de Conxo, que “é, nas unidades UAE e 1BM de psiquiatría, onde máis agresións se producen de toda Galiza”. Toda unha serie de circunstancias que xustifican, para a CIG-Saúde de Compostela, non só a denuncia pública, senón tamén diante da fiscalía.