CIG-Saúde Compostela denuncia a sobrecarga laboral e a saturación dos servizos pola falta de persoal

Critica que a Xerencia da área sanitaria non toma medidas para garantir a cobertura das ausencias, que se agravan no período estival
Santiago de Compostela - 04 Xul 2025

A  CIG-Saúde de Compostela denuncia que na área sanitaria Santiago-Barbanza non se está a cumprir na maioría das veces coa carteira de servizos ofertada, porque a Xerencia non toma medidas para garantir que se cubran as ausencias do persoal sanitario por vacacións, baixas, permisos etc. Este déficit de profesionais implica unha sobrecarga de traballo para o resto de persoal do servizo ou centro de saúde e supón, ademais, un incumprimento da Lei xeral da Sanidade, ao non ofrecerse un alto nivel de calidade asistencial e accesíbel para toda a poboación.

 A representación da CIG alerta que esta política de non cobertura obriga a asumir as prestacións asistenciais “cun persoal minguado, coa consecuente sobrecarga laboral e estrés físico e psicolóxico”. Expoñen como exemplo que hai centros de saúde onde cinco profesionais de enfermería “realizan o traballo de sete, ou incluso máis, ao ter que asumir o seguimento das persoas usuarias das Unidades de Saúde Mental, ao non realizarse coberturas do persoal destes servizos”.

Falta persoal en numerosas especialidades

Á xa normalizada falta de pediatras, médicos/as de Atención Primaria (e a súa cobertura con persoal aínda en período de formación de r4) e persoal de enfermaría, engádese agora a non cobertura de  matronas, fisioterapeutas, persoal técnico en coidados de enfermaría e incluso de hixienistas dentais; agravando as listas de agarda para citas, probas diagnósticas e cirurxías, e afectando á calidade da atención sanitaria. CIG-Saúde de Compostela advirte que ante a falta de cobertura de persoal técnico de coidados de enfermaría estase obrigando ao Persoal de Servizos Centrais (PSX) a facer este traballo.

Denuncian así mesmo que se está a reducir ao mínimo o servizo de fisioterapia nos centros de saúde, xa que ao non haber coberturas do persoal de coidados de enfermaría, naqueles centros que contan con dous ou máis destes profesionais “unha persoa fai o traballo de varias, mais sen que exista ningún recoñecemento por asumir dita carga de traballo”.

Doentes "deambulando" polos centros de saúde

Debido á falta de matronas e fisioterapias “as e os pacientes teñen que deambular polos distintos centros de saúde da contorna para poder seren atendidas/os”. E engaden que no período estival non se suplen as ausencias de hixienistas dentais (como acontece no Centro de Saúde de Porto do Son), malia que son “profesionais que desenvolven un papel crucial na prevención de enfermidades bucodentais e na promoción da saúde oral, traballando en colaboración co/a odontólogo/a para ofrecer unha atención integral”.

Diante disto, a CIG-Saúde de Compostela critica a falta de compromiso da Xerencia da área sanitaria no cumprimento dos dereitos fundamentais como a protección á saúde e lembran que “lle compete á Xerencia organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios”. A CIG-Saúde exixe que se dote cada centro co cadro de persoal necesario e se cubran as ausencias “para poder construír unha relación de confianza entre quen presta o servizo e quen o recibe, e garantir unha atención sanitaria de calidade”.

Unha soa médica para atender o centro de saúde de San Cibrao e o consultorio de Cervo

A CIG-Saúde da Mariña denunciaba esta mesma semana que o centro de saúde de San Cibrao e o consultorio de Cervo quedarán cunha soa médica a partir do 15 de xullo para atender todo o municipio. Cualifican de “estado de auténtica emerxencia” a situación da sanidade pública nunha comarca e alertan da precaria atención primaria en Cervo, xa que este concello aumenta a súa poboación no verán e a maiores o persoal ten que atender a unhas 60 persoas pacientes do complexo xeriátrico ao non dispor este centro de persoal sanitario.

Segundo a información recollida pola CIG-Saúde “unha médica estará ausente a partires do 7 de xullo, quedando só unha facultativa especialista en atención primaria no centro de saúde de San Cibrao e un médico no consultorio de Cervo”. Pero o 15 de xullo, este profesional, “que renuncia ao seu contrato, marchará traballar a outro distrito sanitario, polo que a partir desa data ambos centros quedarán contarán só cunha médica e non haberá servizo médico até ás 10:20h”.

A central nacionalista indica que o persoal dos centros de saúde afectados levan meses intentando abordar coa Xerencia a planificación sanitaria no verán para facer suxestións e pór riba da mesa alternativas, “pero non foi até o 23 de xuño cando acudiron para manter unha xuntanza, na que non achegaron solucións concretas e na que só falaron de que ‘están traballando nun plan’ do que ninguén ten constancia”.

Segundo puido saber a CIG-Saúde “haberá unhas 3 horas ao día de asistencia programada, pero as persoas usuarias só poderán pedir cita acudindo ou chamando ao centro, mais non por internet”. O resto das horas “atenderase só a demanda e en función da gravidade“, engaden, “o que  acabará saturando outros servizos e lugares, como o PAC de Burela ou o servizo de Urxencias do Hospital de Mariña”.

A isto hai que engadir a falta de persoal de enfermaría pola fuxida a outros territorios buscando estabilidade laboral, que tamén terá consecuencias no cadro de persoal, xa que ao non ser cubertas as súas ausencias “provocará unha sobrecarga asistencial que repercutirá na calidade asistencial pero tamén na saúde das traballadoras pola situación de fatiga física e mental”.

A CIG Saúde A Mariña esixe o reforzo cun/unha PSX máis polo aumento do traballo nun concello que ve aumentada a poboación durante o período estival polo turismo, “algo ao que se nega o SERGAS a pesares de existir persoas dispoñíbeis nas listas de contratación”. Critican que a Xerencia da área sanitaria non informe á poboación desta situación, as causas e alternativas e así, ao tempo, “previr posíbeis actos de violencia física ou verbal contra unhas traballadoras que, lonxe de seren culpábeis, tamén son vítimas dos recortes e da mala planificación”.

“En lugar de dar resposta e atender as demandas dos profesionais e informar a poboación, a Ramón Ares o único que se lle ocorre e empregar o tempo en crear un pin sanitario, unha auténtica orde de censura para amordazar ao persoal e negar o dereito á información á poboación”, critican.