
CIG-Saúde critica que o Ministerio de Sanidade continúa sen incluír avances reais na negociación do novo Estatuto Marco

O día 29 de xaneiro a CIG-Saúde mantivo unha reunión con representantes do BNG para analizar a evolución da negociación do Estatuto Marco. A CIG-Saúde estivo representada por Ana Lestón, Lucía Peón e Irene Tato, da Executiva Nacional e Manuel González Moreira, Secretario Nacional. En representación do BNG participaron o deputado no Congreso, Néstor Rego, e as deputadas no Parlamento da Galiza, Montse Prado e Iria Carreira.
CIG-Saúde trasladou ao BNG que o Ministerio de Sanidade non está avanzando na negociación das cuestións básicas que poderían supoñer cambios reais nas condicións de traballo do persoal da sanidade pública, e o desagrado pola forma na que se está a producir a negociación. CIG-Saúde defende que todas as cuestións a tratar sobre o Estatuto Marco deben trasladarse a debate nas reunións do ámbito de negociación legalmente establecido e non vir con compromisos adquiridos en “pactos ou negociacións particulares” con determinados axentes sociais ou sindicais.
Manifestou a necesidade de aprobar un novo Estatuto Marco que permita avanzar en dereitos e nunha prestación de servizos de calidade dentro da sanidade pública, incorporando a dedicación exclusiva do persoal estatutario como unha mostra do compromiso na defensa do sistema público.
CIG-Saúde e o BNG coinciden na necesidade de que o novo estatuto Marco debe recoller a regulación básica para garantir a xubilación anticipada e parcial do persoal da sanidade pública. As dúas organizacións entenden que só estabelecendo a posibilidade da xubilación anticipada e sen penalización para o persoal sanitario, xunto coa xubilación parcial, se garantirá avanzar na estabilización e incorporación de persoal novo, unha remuda imprescindíbel para o mantemento da sanidade pública e aproveitar o potencial de moitas persoas que, despois de lograr unha titulación deben marchar fóra.
Tamén coinciden na necesidade de que se regule no propio Estatuto, sen deixalo a unha regulación posterior, a clasificación profesional e as funcións das distintas categorías e especialidades, así como os efectos económicos desta nova clasificación profesional. Non pode tolerarse que despois de aprobar un novo Estatuto continúen en vigor funcións obsoletas, algunhas delas reguladas na época do franquismo, que non se axustan a realidade do coñecemento científico actual nin as novas necesidades da sanidade pública.
O BNG manifestou o seu apoio ás reclamacións sindicais relacionadas, principalmente, coa clasificación profesional e funcións, xornada laboral ou xubilación, e anuncia que van rexistrar iniciativas dirixidas ao Ministerio para exixir que incorpore no novo texto estas cuestións, o que permitiría lograr un Estatuto Marco que permita avanzar nunha sanidade pública de calidade.