CIG-Saúde chegará ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos se o persoal do SERGAS non recupera os seus salarios
A Executiva nacional da CIG-Saúde compareceu esta mañá en rolda de prensa para anunciar a posta en marcha dunha campaña pola recuperación de salarios do persoal do SERGAS que contempla a presentación dunha reclamación en vía administrativa; unha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular e mesmo acudir ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos se non se resolve
A secretaria nacional, María Xosé Abuín, explicou que no marco desta campaña presentaron hoxe mesmo, á mesa do Parlamento, a documentación para que se admita a trámite a Proposición non de Lei de Iniciativa Popular para a rehabilitación dos dereitos do persoal do SERGAS en materia salarial e que previo a isto xa se presentou unha reclamación, en vía administrativa para que se devolvan os salarios “roubados” desde o ano 2010.
21.600€ de media roubados a cada traballador/a
A secretaria nacional de CIG-Saúde explicou que “se collemos as ordes de nóminas desde o 2010 a 2022 lévanos roubados 21.600 € de media por cada traballador ou traballadora”.
Nese sentido, indicou que desde a transferencia do SERGAS á Xunta de Galiza a competencia de negociar os salarios correspondentes ás retribucións complementarias, nomeadamente o complemento específico que, segundo Abuín, “está destinado a retribuír as condicións particulares dos postos de traballo en atención a formación, dificultade técnica, responsabilidade, penosidade ou perigosidade”, corresponde á administración galega.
Lembrou que desde ese momento a CIG-Saúde vén reclamando que este complemento específico teña a mesma contía que o que percibe o resto de persoal funcionario da Xunta de Galiza, “máximo cando a nosa prestación de servizos é as 24 horas do día, os 365 días do ano, en quendas rotatorias, máña, tarde e noite, domingos e días feirados, fronte unha prestación de servizos, no ámbito funcionarial, de luns a venres de 8:00 a 15:30 horas”.
Diferenzas malia as que o persoal do SERGAS percibe unha contía que é, de media, de entre 200 e 400€ mensuais menos.
Conxelación sine die
Abuín afirmou que no ano 2008, na época do goberno bipartito, no ámbito da mesa sectorial asinouse un acordo de mellora de condicións de traballo e retributivas do persoal do SERGAS que foi aprobado polo Consello da Xunta, publicado no DOG e, polo tanto, con valor normativo.
Denunciou que, porén, coa chegada de Feixó á presidencia da Xunta, a través da Lei 9/2009, de 23 de decembro, decretou que durante o ano 2010 ficaran conxelados os salarios do persoal do SERGAS. Unha decisión que se xustificou pola recesión económica que se vivía naquel intre.
“Esta mesma xustificación serviulle a Feixó para, ano tras ano, manter o roubo salarial ao persoal do SERGAS” a pesar dos informes da propia administración e do Instituto Galego de Estatística, que recollen que houbo un aforro bruto consolidado de 775 millóns de euros e que recoñecen que en 2018 xa estaba situado a niveis anteriores á crise financeira.
Xunto a isto Abuín apuntou que, tamén segundo o IGE, o PIB de Galiza no período 2015-2019 medrou un 13,2% mentres que o déficit público experimentou, entre o 2013 e o 2019, unha constante redución con respecto ao o período anterior, cumprindo así as previsións do goberno do Estado no referido a esta cuestión xa que “neses cinco anos estaba permitido ter un déficit do 2,10 do PIB e porén o de Galiza foi, nese período, do 1,7”.
Por iso denunciou que o goberno Feixó mantivo a suspensión e suprimiu o dereito do persoal sanitario a cobrar o seu salario íntegro “esquecendo a súa obriga de rehabilitar os nosos salarios ao ter desaparecido a causa que motivara o roubo que padecemos durante ese período e seguimos padecendo agora”.
Tribunal Europeo de Dereitos Humanos
Xunto a isto explicou que a reclamación presentada en vía administrativa á consellaría de Sanidade é a vía previa á xudicial e anunciou que, de non ter unha resposta afirmativa, a CIG ten acordado recorrer ao Tribunal Europea de Dereitos Humanos.
Nese sentido asegurou que este Tribunal europeo, na súa xurisprudencia, recoñece os salarios froito dun acordo como bens ou posesións protexidas recoñecidas no artigo 1 do Protocolo 1 da Convención Europea de Dereitos Humanos. “Nas medidas de recortes salariais adoptadas na crise financeira polo goberno portugués este Tribunal considerou proporcionadas as medidas de recortes salariais xa que estas tiñan un carácter temporal limitado a 3 anos”.
Por iso considerou que á vista desta xurisprudencia “entendemos que o recorte de Feixó é desproporcionado. Unha medida de suspensión sine die, máis alá do que pode xustificar unha situación económica excepcional.
Abuín denunciou ademais que cos seus salarios, o propio persoal da sanidade pública está contribuíndo a manter o sistema. “Durante pandemia ficaron suspendidos todos os nosos dereitos de conciliación, de xornadas, de permisos e Feixó o único que fai é seguir castigándonos co este roubo salarial”.
Un roubo salarial, que, matizou, “non é novo porque as políticas sanitarias de Feixó, publicadas no DOG, foron sempre unha negativa absoluta a ter ao persoal do SERGAS co salario que lle correspondería”.
Lembrou, por iso, que todos os acordos de mellora das condicións salariais e laborais acadados en mesa sectorial na época do PP, con Fraga á fronte, e posteriormente no bipartito, “foron suspendidos en canto Feijó chegou á Xunta de Galiza”.
E concluíu facendo un “aviso a navegantes” para que se saiba como é a política de Feix´´o co persoal sanitario e coa sanidade pública. “Nós cremos que isto non é unha casualidade, os constantes recortes de recursos e de dereitos do persoal responden a unha planificación política que ten como obxectivo a privatización da sanidade pública, obrigando ao seu persoal a fuxir para mellorar as súas condicións”.