A CIG-Saúde chama a participar na protesta contra o desmantelamento da atención primaria no Rosal tras o incidente cun paciente
A CIG-Saúde de Vigo quere sumarse á denuncia pública feita estes días polo persoal traballador e a veciñanza do Rosal ante os problemas na asistencia a un doente grave o pasado venres, cando a falta de ambulancias do 061 obrigou a persoal sanitaria e a Protección Civil a transportar a un paciente por varias rúas do centro da vila.
A estampa "lamentable" que se viu nos distintos medios é froito da falta de medios, tan demandada pola central sindical, nos últimos anos, polo que chaman a participar na mobilización convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal este venres 27 de maio diante do centro de saúde da localidade ás 20:00 horas.
Precisamente dende a central rexeitan a decisión da EOXI de Vigo de non continuar co segundo equipo de persoal médico e enfermeiro no PAC desta última localidade.Esta situación non só se esta a dar nesta zona, o pasado venres o centro de saúde de Moaña colgaba tamén o cartel de “Non hai médicos” na quenda de tarde. Todo fai pensar que non será a última vez que suceda este verán.
Desde a CIG-Saúde lembran a importancia de dotar os centros de persoal para poder dar unha atención digna e axeitada as necesidades da poboación e inciden en que as reclamacións e necesidades da zona están ben definidas nas demandas destes anos:
-Dotación de persoal sanitario suficiente, nomeadamente persoal médico e de pediatría.
-Dobre equipo completo de PAC dado que a poboación adscrita, o numero de asistencias, a dispersión xeográfica e a distancia ao centro de referencia xustifican totalmente esta necesidade.
-Aumento de ambulancias do 061 na zona.
Na CIG teñen claro que á única fórmula para acadar todo isto pasa obrigatoriamente por un investimento público axeitado ás necesidades asistenciais da zona, a mellora nas condicións de traballo do persoal e convocatoria de OPE acorde a estas necesidades.
E fan fincapé en que unha boa asistencia sanitaria pasa tamén por que se dea nunhas condicións de dignidade e protección da persoa asistida, ao tempo que sosteñen que todos estes episodios son consecuencia dos recortes na sanidade pública.
Por todo isto, a CIG-Saúde apoia e chama a participar na mobilización contra o desmantelamento da atención primaria convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal este venres 27 de maio diante do centro de saúde da localidade ás 20:00 horas.