CIG chama a participar masivamente na manifestación de SOS Sanidade Pública do 6 de abril

Demanda “Máis Atención Primaria e Hospitalaria”, persoal suficiente en todas as categorías e utilización plena dos recursos dos hospitais mañá e tarde
Nacional - 25 Mar 2025

A CIG-Saúde chama a profesionais da sanidade pública e ao conxunto da cidadanía a sumarse de forma masiva á manifestación convocada pola Plataforma cidadá SOS Sanidade Pública -da que fai parte- e que terá lugar o vindeiro día 6 de abril, con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá para reclamar máis atención primaria, máis atención hospitalaria e máis sanidade pública.

CIG-Saúde chama á poboación galega a expresar o seu malestar pola situación da sanidade pública e a falta de respostas da Consellería de Sanidade. A falta de recursos asistenciais, tanto nos hospitais como na atención primaria está a vulnerar o dereito á saúde e o dereito a unha asistencia sanitaria pública e de calidade para toda a cidadanía, con independencia do lugar de residencia.

O compromiso coa sanidade pública demostrase apostando por ela nos orzamentos, dedicando os cartos públicos a reforzar a sanidade pública e non a incrementar os beneficios das empresas da sanidade privada.

Máis Atención Primaria

Centros de saúde e PAC dotados de persoal suficiente de todas as categorías; ben equipados; accesibles en 24-48 horas máximo; con consultas presenciais a solicitude do paciente; e reorientar a Atención Primaria á promoción, prevención, traballo comunitario e a participación social. Garantir o modelo de Atención primaria con especialistas de pediatría nos centros de saúde. Reforzar a capacidade da Atención Primaria de dar resposta aos problemas de saúde mental coa presenza da psicoloxía clínica.

Máis Atención Hospitalaria

Utilización plena dos recursos instalados en hospitais mañá e tarde; recuperar os recortes nos hospitais comarcais; acabar coa política de concertación coa privada; restitución ao sistema público dos centros privatizados; plans para reducir listas de espera e a rematar coa ocultación das mesmas; reforzar as unidades de saúde mental tanto de adultos como infanto-xuvenil; acabar coa precariedade laboral do persoal; e esixencia da dedicación exclusiva ao persoal médico.

Máis Sanidade Pública

Incrementar o orzamento sanitario público; elaborar un Plan Galego de Saúde que adapte os recursos ás necesidades; recuperar os servizos privatizados e as áreas sanitarias pechadas; e potenciar a Saúde Pública para combater os riscos e as epidemias para a saúde.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.