CIG-Saúde chama a mobilizarse este sábado en Compostela en defensa da Atención Primaria
A CIG-Saúde demandou esta mañá, en rolda de prensa, un modelo de atención primaria que dea as e os profesionais os recursos necesarios para poder atender con dignidade as necesidades da cidadanía. Un modelo que precisa de persoal suficiente e dunha estrutura organizativa que planifique, xestione e a dote deses recursos. Por iso chamou a participar na concentración que ten convocada para o vindeiro sábado día 28 de xaneiro, ás 12:00h, na praza de Praterías, sob o lema “Máis Atención Primaria”.
O secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel González Moreira, que compareceu acompañado dos membros da Executiva Nacional da federación, Xabier Alvedro e Lucía Peón, denunciou que o modelo de xestión integrada ou de áreas sanitarias que se desenvolveu nos últimos anos anulou “a capacidade de planificación e de xestión da Atención Primaria, mesmo desaparecendo a súa denominación das estruturas de xestión da Sanidade Pública”. Unha situación que considerou que foi “un grave erro que fixo perder recursos” e que denunciou que “formou parte dunha estratexia para debilitar a atención primaria da que agora estamos pagando as consecuencias”.
Por iso defendeu a recuperación das Xerencias de Atención Primaria e a creación de equipos multidisciplinares para dar resposta ás necesidades das e dos doente e a incorporación de novas/os profesionais para atender ás novas necesidades. Nese sentido lembrou que, por exemplo, en 2008 incorporáronse fisioterapeutas, pero non se incrementou o cadro de persoal e “agora as agardas para conseguir citas son tan longas que son inoperativas, non resolven os problemas e moitas delas acaban na privada”.
Do mesmo xeito reclamou a incorporación de psicoloxía clínica para a atención aos problemas de saúde mental e de terapia ocupacional. Profesionais que, explicou, “poden axudar a resolver problemas sen sobrecargar as consultas de medicina de familia ou de enfermería e que permitirían acurtar as citas”.
Medicina de Familia
O secretario nacional de CIG-Saúde rexeitou “a marcha atrás que propón o SERGAS de que haxa un/ha profesional de medicina de familia que traballe tanto no PAC como que faga gardas despois a maiores, porque iso sobrecarga unha vez máis aos profesionais e impide a súa natural especialización”. Subliñou que os PAC supuxeron un cambio substancial na calidade que se lle presta á cidadanía na atención das emerxencias, especialmente no ámbito rural e incidiu en que “non podemos permitir que se poña en dúbida un modelo de atención continuada que garanta esa continuidade asistencial necesaria cando os centros de saúde de atención ordinaria están pechados”. Por iso defendeu PAC dotados dos profesionais específicos necesarios en función da demanda que se produce, con equipos completos de medicina de familia e de enfermería.
Moreira reclamou, canda isto, a presenza de pediatras nos centros de saúde que considerou unha conquista para a calidade da prestación asistencial que se lle dá ás crianzas e adolescentes. Un modelo que, pola calidade de vacinación, diagnóstico precoz de enfermidades complexas ou polas ratios de ingresos nos hospitais “é moito mellor que noutros países precisamente por ter persoal especializado na pediatría na Atención Primaria”.
A este respecto afirmou que o feito de que non haxa pediatras ou médicas/os de familia para cubrir moitas das prazas “non é unha limitación do modelo, senón da xestión que se fixo durante estes anos, ao non facer a planificación necesaria para dotarnos dos profesionais precisos”, considerando que a alternativa non pode ser pechar centros de saúde porque “necesitamos máis atención primaria, non menos”.
Nese sentido denunciou que “se investiu máis en alta tecnoloxía e en pagar os custos da privatización que na Primaria e por iso agora temos os problemas que temos” e apostou por un modelo “accesible, equitativo e que garanta que un/ha doente teña as mesmas posibilidades de acceder a un centro de atención primaria no ámbito rural e no urbano”.
Cuantificar as necesidades reais
Por iso a CIG-Saúde demanda que o SERGAS cuantifique as necesidades reais de profesionais partindo das carteiras de servizos desenvoltas polo Consello Técnico de Atención Primaria, que establecen o que ten que facer cada profesional, e que a partir de aí se planifique a OPE necesaria “para pasar da actual situación, co persoal en precario e sobrecargado a persoal con dispoñibilidade, accesibilidade e capacidade de resposta aos problemas”.
A consecuencia desa planificación na especialidade de medicina de familia ten que ser, segundo Moreira, que as médicas/os non teñan máis de 30 consultas nunha xornada de traballo; que haxa equipos de medicina de familia e de enfermería 1:1 para traballar conxuntamente e que alí onde se desenvolvan programas e actividades especiais, ou onde as e os doentes teñan perfís crónicos ou unha alta idade media se creen máis prazas de enfermería porque a continuidade de coidados e a xestión de crónicos recae sobre todo nestas e nestes profesionais.
O secretario nacional de CIG-Saúde lembrou ademais que a OMS recomenda que un 25% do financiamento público da sanidade recaia na atención primaria e advertiu que estamos nun momento de clara incertidume. “Segundo as decisións que se tomen a sanidade pública estará en risco ou non, porque o que pase coa atención primaria repercute no conxunto da sanidade pública. Sobrecárganse as consultas das urxencias hospitalarias porque chegan doentes que non se atenderon noutros niveis asistenciais, ou crónicos inestábeis que non tiveron o seguimento necesario”.
Por iso, por “Máis Atención Primaria” chamou tanto á concentración deste sábado como á convocada por SOS Sanidade Pública o vindeiro día 12 de febreiro.