CIG-Saúde chama a participar na manifestación deste sábado para esixir contratación estábel na sanidade pública
A CIG-Saúde fai un chamamento a todo o persoal do SERGAS e a toda a cidadanía galega a participar na manifestación convocada para este sábado, 27 de xuño, baixo o lema "A nosa estabilidade é a túa seguridade", que sairá ás 12 horas dende a Alameda de Compostela. A marcha está convocada polas organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial (CIG-Saúde, CCOO e UGT), conxuntamente co todos os colectivos de persoal do SERGAS, e ten por obxectivo esixir unha contratación estábel na sanidade pública que remate coa precariedade laboral, así como dotar o sistema dos traballadores e das traballadoras necesarias para atender a demanda asistencial.
A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, subliña que despois de 10 anos sufrindo as políticas de recortes de Feixoo, "a poboación ten dereito a recibir unha asistencia sanitaria de calidade" e os traballadores e as traballadoras "a ter unhas condicións dignas e estabilidade no emprego. Non queremos esmolas nin cheques-bar electoralistas, queremos unha sanidade pública universal e de calidade", asevera.
A este respecto, Abuín apunta á necesidade de que o Goberno do estado poña fin á taxa de reposición e permita que se convoquen, nos procesos selectivos, as prazas vacantes non cubertas desde o ano 2010. Pero xunto a isto, reclama do Goberno galego "que cumpra coas súas obrigas, porque Feixoo está pedindo a Madrid que remate coa taxa de reposición, pero non aclara que vai facer despois nin como vai acabar coa precariedade laboral no SERGAS".
A secretaria nacional da CIG-Saúde lembra que inestabilidade que padece o persoal non "é a consecuencia das limitacións na cobertura das prazas, senón da política sanitaria e de emprego que vén aplicando o PP, fraccionando contratos por días e por horas e negándose a dar estabilidade a colectivos como o persoal investigador, que dependen da Xunta".
Nesta liña, a CIG demanda que se negocie unha orde de vínculos para que o persoal sexa contratado pola causa que motivou a contratación e que todas as contratacións se oferten respectando o pacto de contratacións e tendo en conta ao persoal que xa está nas listas.
Cadros de persoal adecuados ás necesidades asistenciais
Alén da estabilidade, con esta manifestación úrxese á Consellaría de Sanidade a negociar na Mesa Sectorial un plano de emprego que permita consolidar o 100% das prazas vacantes desde o ano 2009. Mais para identificar as prazas vacantes reais, engade Abuín, "necesitamos ter un sistema que nos permita coñecer a situación real do cadro de persoal do SERGAS: canto persoal é fixos, interinos, eventual cubrindo prazas estruturais, eventual fóra de cadro de persoal, xubilacións,...
Xunto a isto, reivindícase a publicación de inmediato das listas de contratacións de persoal facultativo dos hospitais e que o SERGAS negocie o plan de continxencias da Covid19 respectando o dereito á conciliación do persoal.
Por todo isto, a CIG-Saúde anima as galegas e galegos a participar desta mobilización "porque da estabilidade laboral depende a seguridade na prestación dos coidados". Neste senso, recalca que cambiar todos os días o persoal provoca un deterioro da calidade na prestación asistencial e pon en perigo a saúde de doentes e traballadoras/es. Algo que se evidenciou na actual pandemia da Covid19, ao converterse o persoal sanitario en vector de contaxios por mor da elevadísima rotación que sofren.