
CIG-Saúde alerta que o mamógrafo do Hospital de Monforte está estragado dende decembro

A CIG-Saúde alerta que o mamógrafo do Hospital de Monforte está estragado dende o mes de decembro xa que o densiómetro (o aparato que mide a densidade mamaria) non funciona correctamente. Por iso, piden o cese inmediato da campaña da Xunta para a realización de mamografías preventivas polo risco de erro no diagnóstico e que se adquira de inmediato un novo mamógrafo para o hospital.
Explican que cando o densiómetro mide mal a calidade da mamografía é moi baixa, podendo dar lugar a erros no diagnóstico. Ademais, debido a esa mala calidade da mamografía "moitas veces hai que repetir a proba até tres veces, coas molestias que isto lle causa á paciente e o que é peor, a triple dose de radiación que reciben".
Para a CIG-Saúde de Monforte trátase dunha situación moi grave e lembra que dende o mes de xuño de 2024 hai informes do técnico advertindo da necesidade de arranxar o mamógrafo. En decembro, á vista do que pasaba, o persoal de radioloxía do hospital, "con bo criterio", decidiu que non se realizan máis mamografías nese aparato. As probas que solicitan dende Xinecoloxía do hospital xa se mandan facer a Lugo.
Porén, e malia estar sobre aviso e dos problemas que poden derivar, a campaña de detección precoz de cancro de mama da Xunta continúase a facerse con ese aparato.
"Dende CIG-Saúde pedimos o cese inmediato da campaña da Xunta polo risco de erro no diagnístico que corren as mulleres e pola exposición innecesaria de radiación ionizante que se dá cando hai que repetir mamografías pola baixa calidade". Ao tempo a central sindical reclama que se merque canto antes un novo mamógrafo para poder seguir con esta campaña en condicións e para que as mulleres de Monforte non se teñan que desprazar a Lugo.