CIG-Saúde alerta que o Hospital de Monforte ten que mercar gasóleo ao non poder abastecer a caldeira de biomasa
A sección sindical da CIG-Saúde no Hospital Público de Monforte critica a actuación do Goberno municipal que colocou unha barreira quitamedos na parte posterior do hospital, impedindo deste xeito que o camión que transporte os pellets para a caldeira de biomasa poida descargar a mercadoría.
No Hospital de Monforte está instalada unha caldeira de biomasa dende o ano 2013, co obxectivo de reducir o consumo e as facturas de electricidade do centro. Os pellets para alimentar a caldeira tráense nun camión que descarga a mercadoría na parte de atrás do hospital. Unha tarefa que se facía até agora sen ningún tipo de atranco.
Este ano, a dirección do hospital solicitou autorización ao Concello para facer unhas obras de melloras na parte posterior das instalacións coa intención de ter unha entrada por esa zona. O permiso, sinala a sección sindical da CIG-Saúde, foi concedido, "pero cando o Hospital pide permiso de paso, este é denegado e obríganlle a pechar a zona onde se realizaron as obras. O hospital acata a decisión e pecha a parte de atrás".
Ademais, en xuño pasado o Concello colocou unha barreira quitamedos evitando deste xeito que o camión que levaba descargando os pellets nove anos, puidera seguir facendo o seu labor.
A escusa que pon o Goberno local, engaden, é que nesa área hai unha canalización de regadío (que está en desuso e derrubada na maior parte do seu treito) e que é a Confederación Hidrográfica quen non deixa abrir o acceso posterior ao hospital.
A sección sindical da CIG-Saúde subliña que este peche, que se produciu sen previo aviso, obrigou a que o hospital tivera que mercar en agosto 35.000 litros de gasóleo que, dado o disparado custe actual dos combustíbeis, supuxo inversión de máis de 35.000 euros. "Estes cartos son de todos e todas e poderíanse empregar noutras cousas máis necesarias e de seguir así nin nos queremos imaxinar o custo que terá ao final do ano".
CIG-Saúde solicitou unha reunión co alcalde hai un mes para tratar este tema, mais sen recibir resposta.
Diante disto, a sección sindical da CIG-Saúde solicita unha reunión entre o Concello, a Confederación Hidrográfica e o SERGAS para que lle dean unha solución na maior brevidade posíbel a este problema. E insta o alcalde de Monforte a que facilite esta reunión "en lugar de poñer paus nas rodas".