CIG-Saúde alerta que non se van substituír as vacacións de enfermería na Atención Primaria da Coruña-Cee
A CIG-Saúde alerta que a Xerencia da área sanitaria da Coruña-Cee non ten previsto contratar profesionais de enfermería para a substitución das vacacións na Atención Primeira. Para a CIG-Saúde, con esta medida a Consellería de Sanidade está a dar un paso máis para esmagar a Atención Primaria, "que non pode superar o colapso provocado pola pandemia porque o seu deterioro é crónico e anterior á emerxencia da Covid19".
Un deterioro da Atención Primaria marcado polas demoras crecentes no acceso á atención sanitaria, o déficit e a sobrecarga da medicina de familia, a incapacidade do SERGAS de reter e atraer profesionais polas malas condicións de traballo, o déficit de profesionais sanitarios (enfermaría, pediatría, fisioterapia…), os servizos e o persoal administrativo desbordados, ou a política de non substitución de profesionais.
Neste senso, María Seijo, delegada da CIG-Saúde, advirte que todos os días do ano a atención sanitaria nos centros de Atención Primaria estase a manter "só pola vontade e o compromiso das e dos profesionais que traballan até o esgotamento, que sacrifican libranzas, dobran quendas, asumen a atención das/os doentes das compañeiras ausentes etc. e polo abuso que soporta o persoal temporal".
A isto engadirase agora a decisión da Xerencia da Coruña-Cee de non contratar profesionais de enfermaría para a substitución das vacacións, o que provocará que a situación dos centros de saúde e PACs acade límites perigosos para a poboación e para as súas profesionais. Porque, apunta Seijo,"as necesidades e problemas de saúde non diminúen no período estival". Ao contrario, a demanda aumenta de xeito moi importante nos centros que sofren un grande incremento de poboación durante este período.
Por iso, a CIG-Saúde esixe da Xerencia da Coruña-Cee que manteña a dotación (xa precaria) de persoal de enfermaría e de todos os colectivos profesionais sanitarios e administrativos, substituíndo o persoal ausente por vacacións e reforzando os centros de saúde que van ver dobrada a súa demanda. "De non facerse, a poboación verá minguado aínda máis o seu acceso a Atención Primaria e a súa asistencia sanitaria será de peor calidade", denuncia.
"A CIG-Saúde e as profesionais non podemos aceptalo, non desistimos de cambialo. Mantemos a esperanza de acadar uns servizos de Atención Primaria que garantan o dereito a saúde de toda a poboación", asevera.