CIG-Saúde alerta do colapso das Urxencias do CHUAC con máis de 130 camas pechadas

Denuncian que a saturación é consecuencia directa da falta de planificación durante o verán e a insuficiencia dos recursos
A Coruña - 23 Xul 2026

A CIG-Saúde da Coruña alerta da grave saturación que se está a vivir no servizo de Urxencias do Hospital Universitario da Coruña, consecuencia directa da falta de planificación da Xerencia durante o verán e da insuficiencia de recursos.

A presión asistencial, explican, obrigou a habilitar catro corredores adicionais para atender pacientes, evidenciando o colapso do servizo e afectando á calidade asistencial e ás condicións de traballo do persoal.

Esta situación non responde a un aumento imprevisto da demanda, senón á falta de previsión. “A Atención Primaria funciona baixo mínimos pola falta de cobertura de vacacións, reducindo a súa capacidade, polo que a poboación vese obrigada a acudir ás Urxencias”, denuncia  secretaria da CIG-Saúde da Coruña, Isabel Golpe.

Ao mesmo tempo, advirte que o CHUAC mantén máis de 130 camas pechadas, o que impide ingresos e obriga as persoas pacientes a permanecer horas, e mesmo días, en Urxencias, agravando a saturación.

A CIG-Saúde considera inaceptábel que estes problemas se repitan cada verán por decisións de aforro que prexudican á cidadanía e ao persoal. Por iso, esíxelle á Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee a apertura inmediata das camas pechadas, a cobertura das vacacións e o reforzo dos recursos asistenciais.

“A sanidade pública non pode seguir funcionando ao límite. A cidadanía merece unha atención digna e o persoal condicións de traballo seguras”, conclúe.