CIG-Saúde denuncia a situación límite do servizo de radioloxía do CHUAC e o déficit de pediatras na Mariña
A CIG-Saúde da Coruña alerta que o servizo de radioloxía do CHUAC está no límite de prestación de servizos, con gran sobrecarga, escaso recambio xeracional no persoal facultativo, instalacións nalgún caso obsoletas e co persoal técnico e celador en conflito. Ao tempo, a CIG-Saúde da Mariña denuncia o grave déficit de pediatras na comarca, ao punto de que o centro de saúde de Barreiros hoxe só conta co servizo durante media hora.
Alarmante situación de radioloxía no CHUAC
Sobre a falta de persoal celador en radioloxía no CHUAC, hai que sublianr que a Comisión de Centro vén facendo concentracións diante da porta de urxencias do Hospital da Coruña dende outubro para pedir un incremento de celadores e celadoras e a renovación do material.
A isto súmanlle as queixas públicas do persoal facultativo que soporta as gardas de radioloxía debidas ao exceso de carga de traballo, á necesidade de cambios na organización das gardas e de contratación de radiólogos/as. Estas manifestacións públicas do colectivo, indica a CIG-Saúde, chegan "despois dun conflito larvado que a Xerencia non sabe resolver".
Neste senso, a federación da CIG explica que a radioloxía é unha área de inmenso crecemento e investimento tecnolóxico con necesidades constantes de renovación do material e de actualización do persoal. "A sanidade pública non debe nin pode vivir das obras caritativas da Fundación Ortega nin se pode xestionar un servizo como radioloxía con iniciativas puntuais, para saír do paso", valoran.
Necesidade dun plan de servizo
Advirte a CIG-Saúde que na radioloxía do CHUAC "é necesaria unha avaliación de necesidades, xa con atraso de anos, e un plan de servizo con áreas de futuro a incorporar, coa tecnoloxía e persoal adecuado e formado". Un plan atractivo que permita reter e atraer profesionais e que responda ás novas demandas, multiplicadas tanto cualitativa como cuantitativamente.
"Despois de anos de ir cubrindo ocos agora temos un grupo de radiólogos e radiólogas insuficiente para cubrir as quendas de garda; profesionais sometidos/as a unhas condicións de traballo que incluso dificultan reter ao propio persoal médico residente formados no servizo", critican.
Fronte a isto, urxe xa incrementar as quendas de celadores/as para evitar as aglomeracións de pacientes nas salas de radioloxía. Un problema que a xerencia debe resolver dunha vez, pois nesta categoría non falta persoal nas listas de contratación. Tamén urxe resolver o problema das gardas de radioloxía coa incorporación de máis especialistas, sexa en comisión ou con novas contratacións, porque "non se pode precarizar máis este traballo".
"Pero non esquezamos o importante: contar cun proxecto de servizo que poña a radioloxía do CHUAC na mirada da radioloxía española pola súa capacidade profesional, docente e investigadora, presente nas áreas de futuro de coñecemento desta especialidade e que responda con accesibilidade e calidade ás demandas da poboación", salientan.
Resposta "neglixente" da xerencia
Mais a resposta da xerencia "está sendo incorrecta, até podería etiquetarse de neglixente, e incluso pode verse como un recoñecemento da súa incapacidade de xestión dos últimos anos ao contratar agora unha consultora externa para que dea solucións".
Esta falta de dilixencia leva a ver de cotío nas portadas dos medios as colas das urxencias e as listas de espera do hospital e de atención primaria "pero non esquezamos que os servizos centrais, como o de radioloxía, son esenciais en toda a actividade sanitaria". Por iso, a CIG-Saúde insiste: "a xerencia debe cumprir co urxente e co importante para seguir contando cun moi bo servizo de radioloxía na Área Sanitaria".
Déficit crónico nos servizos de pediatría na Mariña
Pola súa banda, a CIG-Saúde da Mariña esixe que se dea unha solución inmediata en relación ao servizo de pediatría do Centro de Saúde de Barreiros en concreto, e na Mariña en xeral, xa que "non se está a dar a cobertura sanitaria axeitada”. Este centro presta atención pediátrica tres días á semana de 12 a 15 horas, cun pediatra compartido con Lourenzá e Mondoñedo, pero “polo que puidemos saber, hoxe xoves, o servizo de pediatría só funcionará durante media hora, de 12:10 horas a 12:40 horas imposibilitando unha atención de calidade.
A CIG-Saúde subliña que esta política de desmantelamento da Atención Primaria, que afecta con maior intensidade ao rural, "interfire moi negativamente no control que poida existir, especialmente en recén nados, pola importancia do seguimento en escasos días que debe realizarse". Pero ademais, advirten, o feito de non haber pediatra implica colateralmente a "saturación doutros servizos" e, daquela "un mal funcionamento do Servizo Galego de Saúde".
Consecuencia das políticas neoliberais na sanidade
Así, por exemplo, o déficit de pediatría en Barreiros acaba atinxindo a "outros servizos e lugares que, de seu, xa carecen dunha atención pediátrica especializada". Este é o caso do PAC de Ribadeo, rematando finalmente no Hospital de Mariña, apuntan.
A CIG-Saúde apunta tamén ao déficit que existe na atención pediátrica nos diversos centros de saúde da comarca. "Mentres Rueda afirma apostar polo sanidade pública a realidade é que precariza servizos básicos e potencia as relacións coa patronal da sanidade privada galega", denuncian.
Lembran que “a xerente do Sergas é irmá do xerente da patronal galega da sanidade privada. Estrella López-Pardo Pardo e Manuel López-Pardo Pardo non só son irmáns. Unha é xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas) da Xunta. O outro é xerente da Asociación de Hospitais Galegos (Ahosgal), a patronal da sanidade privada galega. Sen esquecer que tamén no seu día Rueda tamén dixo estar de acordo ca xerente do Sergas que dixo que "non pode haber un pediatra en cada centro de saúde".
Segundo datos da Asociación Española de Pediatría en Atención Primaria (AEPap), no SERGAS hai até 7.674 crianzas sen profesional de pediatría asignado, o que supón, entre outras cuestións, que 14% das prazas estean ocupadas por médicos de familia e non por pediatras.
Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), os centros de saúde galegos contaban en 2004 con 405 pediatras; en 2021, con 318. Así, 192 concellos carecen de servizo de Pediatría, reducíndose o número de profesionais desta especialidade en 22,5% desde 2009, con 40% dos profesionais superando 55 anos e con 25% por riba de 60 anos.
A saúde, un dereito fundamental
A CIG Saúde da Mariña subliña que “a saúde é un dereito fundamental que debe ser garantido e protexido independentemente do lugar onde vivan os nosos nenos e nenas, polo que esiximos unha sanidade digna e de proximidade na nosa comarca que garanta a atención pediátrica de todas as nenas e nenos da Mariña”.
Nesta liña subliñan que este é “un dereito que defendemos no pasado, no presente e continuaremos defendendo no futuro”.